O Club Quixós conquista a Copa Galega de Promoción Slalom en Monforte e Xoel Fernández logra un dobre triunfo

O Club Quixós proclamouse vencedor da III Copa Liga Galega de Promoción Slalom-Trofeo Concello de Monforte, celebrada nas augas do río Cabe, ao sumar 204 puntos, por diante do Club Tea de Mondariz Balneario, con 130, e do Club Piragüismo Penedo-Teimporta, terceiro con 107. A nivel individual, destacou o padexeiro monfortino Xoel Fernández, que conseguiu a vitoria tanto en Infantil C1 como en Infantil K1.
Na competición participaron un total de 64 padexeiros procedentes de Dumbría, Mondariz, Tui, Tomiño e Monforte de Lemos, que competiron nas categorías Infantil, Alevín, Benxamín e Prebenxamín, tanto en canoa como en kaiak.
A representación do Club Quixós estivo formada por Xoel, Lucas, Breixo, Manuel, Dylan, Juan, Sara, María, Alba, Álvaro e Marcos. Entre os resultados máis destacados do club anfitrión figuran tamén os segundos e terceiros postos acadados por Lucas Pavón en Infantil C1 e Infantil K1, Breixo Fernández, Manuel Rodríguez, Alba Cabezas e María Campo nas súas respectivas categorías.
O alcalde de Monforte, José Tomé, e o concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, foron os encargados de entregar as medallas e trofeos aos deportistas participantes nunha proba organizada polo Club Quixós co apoio do Concello de Monforte.
Ademais dos bos resultados obtidos na competición, o club monfortino recibiu outra importante noticia coa convocatoria de Xoel Fernández pola Federación Galega de Piragüismo para formar parte da selección autonómica infantil que competirá no Campionato de España de Xóvenes Promesas, que se disputará do 7 ao 9 de agosto en Sabero (León). Pola súa banda, Sara Inés Varela representará a España no Campionato de Europa Júnior e Sub-23, que terá lugar do 6 ao 9 de agosto en Épinal (Francia), confirmando o gran momento deportivo que atravesa o Club Quixós.