O circuíto dos Cantos de Taberna facilitará que os grupos participantes pasen por todos os bares

RibeiraSacraXa
Este sábado, 9 de decembro, chegan os XI Cantos de Taberna da Pobra do Brollón coa participación de catorce grupos que circularán polos seis bares do municipio, repartidos entre A Pobra do Brollón, Salcedo e Cereixa.
cantos taberna 2022 a pobra do brollón
7 Dec 2023

Este sábado, 9 de decembro, chegan os XI Cantos de Taberna da Pobra do Brollón coa participación de catorce grupos que circularán polos seis bares do municipio, repartidos entre A Pobra do Brollón, Salcedo e Cereixa.

O evento comezará ás 18.00 horas e rematará o circuíto ás 23.00 horas coa idea de que a festa continúe cunha “foliada expansiva” polos bares. “Este ano cambiamos o acto final na Casa da Cultura por un remate máis orgánico para facilitar que continúe o ambiente festeiro nos locais de hostalería", explicou o alcalde Xosé Lois Maceda.

O circuíto dos Cantos de Taberna está pensado para que todos os grupos participantes pasen por todos os bares: Avenida, Bar Pirata, Primeiro de Maio e A Vella Taberna na Pobra do Brollón; O Fogón en Cereixa e Salanova en Salcedo. Participan catorce grupos, cun aumento no número de formacións locais, sendo sete procedentes do concello, e o resto de diferentes lugares de toda Galicia.

Como novidade deste ano, incorpórase a formación Son do Brollón, composta por nenos e nenas da Escola municipal de Música Samoeiro. “É un orgullo presenciar cada ano o éxito de participación e a grande acollida dos nosos Cantos de Taberna, e nesta edición especialmente emocionante ver ás novas xeracións motivadas para unirse á celebración da nosa cultura musical popular,” comenta Maceda en referencia ao grupo Son do Brollón.

Dende o Concello da Pobra do Brollón lembran ademais que continúa o Concurso de Tapas da Guimaralia, sendo este venres 8 o último día para degustalas e participar na votación popular.

Cantos de Taberna A Pobra do Brollón
0.1683030128479