O Cineclube do Ateneo Casino de Monforte regresará este venres cunha nova tempada

O Cineclube do Ateneo Casino de Monforte regresará este venres 16 de outubro cunha nova tempada que dará continuidade a esta iniciativa cultural tras a experiencia do seu primeiro ano. A sesión inaugural comezará ás 20.15 horas coa proxección do documental ‘O banco que se creou sen diñeiro’, centrado na cooperativa de banca ética Fiare, e un coloquio posterior no que participarán varios dos seus socios.
O proxecto está organizado polo equipo do Ateneo Casino baixo a coordinación do xestor cultural monfortino Maro Carretero e contará novamente coa colaboración do Festival de Cine Fantástico e de Terror, Fancine de Lemos, e do Colectivo Nordés.
Despois do descanso estival e da avaliación da primeira tempada, a organización decidiu dar continuidade á proposta introducindo algúns cambios. Entre eles figuran pequenos axustes nos horarios das proxeccións para facilitar a asistencia das persoas traballadoras, modificacións na programación e a incorporación de novos colaboradores.
O Cineclube naceu cunha vocación comunitaria, coa intención de recuperar o cine en sala como unha experiencia compartida que favoreza o encontro e o debate entre o público. A organización reivindica tamén a influencia de iniciativas anteriores, como o Cineclube A Calexa, e a relación entre o concepto de cineclube e a función do Ateneo como espazo para o intercambio intelectual e artístico da cidadanía.
Nesta segunda edición, a selección das películas abrirase á participación de persoas cinéfilas e doutros colectivos que conciben o audiovisual como unha ferramenta para promover o diálogo e o pensamento crítico. A organización avanzará nas próximas semanas novos detalles sobre os cambios e os contidos da programación.
Os coloquios posteriores ás proxeccións seguirán tendo un papel destacado na actividade. No encontro inaugural, varios socios da cooperativa Fiare compartirán a súa experiencia nesta entidade de banca ética e carácter social.
O equipo do Cineclube anima a veciñanza de Monforte e da comarca a participar nesta nova tempada e a sumarse a un espazo cultural que busca combinar a proxección cinematográfica coa reflexión colectiva.