O CIM Móbil ofrecerá mañá información e asesoramento ás mulleres na Feira de Rubián de Bóveda

O concello de Bóveda acollerá este 14 de setembro unha nova parada do CIM Móbil, o servizo itinerante do Centro de Información ás Mulleres, que se instalará na Feira de Rubián para ofrecer os seus servizos á poboación feminina da zona.
A unidade permanecerá operativa en horario de 9.00 a 14.00 horas, coincidindo co desenvolvemento da propia feira, e porá á disposición das mulleres que se acheguen tarefas de atención, asesoría e acompañamento en distintos ámbitos.
Este dispositivo forma parte da rede de centros de información dirixidos ás mulleres que impulsa a Xunta de Galicia, coa colaboración do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e o Ministerio de Igualdade, e conta ademais co respaldo do Xacobeo 2027.
Con esta iniciativa preténdese achegar os recursos de información e asesoramento ás mulleres que residen no ámbito rural, facilitando o acceso a estes servizos sen necesidade de desprazarse ata os centros fixos.