O CIM de Chantada cumpre 25 anos atendendo cada ano a máis dun cento de mulleres en situación de vulnerabilidade

O Centro de Información á Muller (CIM) de Chantada cumpre 25 anos de funcionamento, atendendo cada ano a máis dun cento de mulleres en situación de vulnerabilidade. O Concello de Chantada vén de renovar a subvención para manter este servizo un ano máis, dando cobertura aos municipios de Taboada, Carballedo e Chantada.
O CIM ofrece atención personalizada en materia de igualdade e presta apoio xurídico e psicolóxico gratuíto a calquera muller que o precise, con independencia do seu domicilio, así como a persoas do colectivo LGTBI. Unha parte relevante do seu labor céntrase na atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, especialmente vítimas de violencia de xénero, incluíndo tamén menores.
O servizo, que funciona desde o ano 2001, está atendido en horario de mañá por unha avogada e unha psicóloga e está situado no segundo piso do Edificio Multiusos de Chantada. Ademais do asesoramento individualizado en ámbitos sociais, laborais, profesionais ou familiares, o CIM desenvolve campañas de sensibilización e actividades de prevención da violencia de xénero.
Segundo explica a concelleira de Igualdade, Pamela Fernández, “o CIM desenvolve un intenso traballo cos centros educativos, prográmanse políticas de conciliación, actualízanse as subvencións para poder ter actividades gratuítas e faise un seguimento do Plan de Igualdade; ademais dese asesoramento á muller a nivel legal ou psicolóxico”.
As consultas xurídicas que chegan ao CIM son variadas e abranguen distintos ámbitos: o social (contratacións, despedimentos, dereitos laborais), o civil (vivenda, herdanzas, capacidades, entre outros) e, maioritariamente, o dereito de familia (relacións paterno-filiais, divorcios ou impago de pensións). O servizo ofrece asistencia xurídica gratuíta e apoio integral ás vítimas de violencia de xénero no seguimento dos procesos iniciados e nas xestións legais necesarias. A avogada do CIM, Beatriz Fernández, aclara que “somos un primeiro recurso que ofrece o asesoramento necesario, non somos representantes das mulleres ante os tribunais”.
No ámbito psicolóxico, o CIM ofrece acompañamento especializado con perspectiva de xénero e confidencial, dirixido a mulleres con malestar emocional, situacións de violencia de xénero ou dificultades derivadas de distintos procesos vitais. A psicóloga Ana Belén Fernández explica que “o noso obxectivo é crear un espazo no que se sintan escoitadas, fortalezcan os seus recursos persoais e, sobre todo, recuperen o seu benestar emocional e a súa autoestima”.
A concelleira de Igualdade lembra ademais que, aínda que moitas usuarias chegan derivadas doutros servizos pola colaboración transversal existente, calquera muller en situación de vulnerabilidade ou vítima de violencia de xénero pode acudir directamente ao CIM para recibir apoio. Estas derivacións proceden habitualmente de Servizos Sociais, Sanidade, Xulgados, Garda Civil ou da Rede Galega de Acollemento.