O Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos celebra a súa quinta edición con 11 actuacións ao longo de seis xornadas

Monforte de Lemos inicia este martes, 18 de agosto, a quinta edición do Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos, unha proposta integrada no programa do Verán Cultural do Concello que levará a música local a diferentes espazos da cidade.
A programación contará coa participación de 11 grupos, que ofrecerán un total de 11 concertos distribuídos en seis xornadas ata o 27 de agosto. As actuacións desenvolveranse nas prazas de España, da Estación e da Compañía.
A iniciativa, impulsada polo alcalde, José Tomé Roca, busca ofrecer ás bandas e artistas monfortinos un espazo no que presentar o seu traballo e achegalo ao público. O ciclo naceu como unha das principais novidades do Programa de Verán de 2022 e mantívose nas edicións posteriores.
“A iniciativa tivo moito éxito na primeira edición e decidimos mantela na programación nunha clara aposta pola creatividade e o talento local”, explica José Tomé. O alcalde sinala ademais que “desde que puxemos en marcha este ciclo de concertos creáronse novos grupos locais”.
O rexedor destaca que “con este ciclo queremos que os grupos monfortinos sexan os protagonistas e que a veciñanza teña a oportunidade de descubrir e desfrutar da música que se fai na nosa propia cidade”. A programación pretende así funcionar como punto de encontro entre os músicos locais e a veciñanza e contribuír á dinamización cultural de Monforte.
José Tomé anima á cidadanía a acudir ás actuacións e apoiar as bandas participantes, “porque detrás de cada banda hai moito traballo e moitas horas de ensaio, e o mellor recoñecemento que poden recibir é sentir o apoio do público”.
O programa non inclúe todos os grupos locais, xa que, segundo explica o Concello, algunhas formacións xa participaron nas Festas Patronais ou noutras actividades, mentres que outras actuarán nos concertos de Nadal.
A primeira xornada terá lugar este martes, 18 de agosto, na Praza de España. Segunda Parte actuará ás 22.30 horas e Rockin’KB farao ás 00.00 horas.
O mércores 19 de agosto, a música trasladarase á Praza da Estación, onde Nectarine Soul actuará ás 22.30 horas e Cero2Cero ás 00.00 horas.
O xoves 20 de agosto será a quenda da Praza da Compañía, con Galga Blues Band ás 22.30 horas e Bella Chaos ás 00.00 horas.
O ciclo continuará o martes 25 de agosto na Praza da Estación, onde Movilla y Los Irrepetibles ofrecerán o seu concerto ás 23.00 horas.
O mércores 26 de agosto haberá dúas novas actuacións na Praza da Compañía. Deuce subirá ao escenario ás 22.30 horas e Los Jinetes del Trópico actuará ás 00.00 horas.
A última xornada será o xoves 27 de agosto na Praza de España. 7 Rojo actuará ás 22.30 horas e El Mundo de Sofía Band pechará o ciclo ás 00.00 horas.