O Certame Municipal de Teatro Escolar de Monforte celebrará a súa 33ª edición do 7 ao 19 de maio

RibeiraSacraXa
Serán un total de seis estreas da man do alumnado do CEIP A Gándara, o Colexio P. Ferroviario e dos institutos IES A Pinguela, Río Cabe e Daviña Rey
premios-XXXI-Certame-Municipal-de-Teatro-Monforte
24 Apr 2026

O XXXIII Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino de Monforte celebrarase entre o 7 e o 19 de maio coa participación de seis centros educativos que porán en escena outras tantas obras interpretadas polo seu alumnado. Todas as representacións terán lugar ás 20.00 horas no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.

Organizado polo Concello de Monforte de Lemos a través da súa Concellería de Cultura, este certame é un dos máis veteranos do ámbito municipal, con máis de tres décadas de traxectoria desde o seu inicio en 1991. O seu obxectivo é fomentar as capacidades artísticas e técnicas do alumnado, así como promover valores como a convivencia, a cooperación, a tolerancia e a solidariedade.

Nesta edición participan os CEIP A Gándara e Monforte, o Colexio P. Ferroviario e os institutos IES A Pinguela, Río Cabe e Daviña Rey. Cada un deles representará unha obra ao longo das distintas xornadas do certame.

O programa arrancará o 7 de maio co CEIP A Gándara, que porá en escena “Acabouse a guerra”. Seguiralle o IES Río Cabe o 8 de maio con “Esmoleiros”, mentres que o IES A Pinguela actuará o 11 de maio con “A casa”. O 14 de maio será a quenda do Colexio P. Ferroviario con “A gatipública”, e o 18 de maio o IES Daviña Rey representará “O velorio”. O certame pecharase o 19 de maio co CEIP Monforte e a súa obra “Hoxe hai función”.

O Concello colabora cos centros participantes achegando material para a realización das obras, cunha axuda máxima de 200 euros por grupo, co obxectivo de incentivar a participación nunha actividade que complementa a formación académica e está altamente valorada pola comunidade educativa.

A entrega de premios celebrarase o 27 de maio ás 18.00 horas, tamén na Casa da Cultura. Os galardóns consistirán na gravación en DVD das representacións, que se entregará aos centros xunto cun diploma acreditativo da súa participación.

0.13544487953186