O Centro Social de Quiroga presenta a programación de actividades para o curso 2026/2027

O Centro Social xa ten preparada a programación de actividades para o curso 2026/2027 e abre o prazo para que as persoas interesadas poidan formalizar a súa inscrición nas diferentes propostas.
Entre as actividades que se retoman este curso están o Taller de Memoria e a Ximnasia de Mantemento para maiores, que se desenvolverán entre os meses de outubro e xuño. O Taller de Memoria está dirixido a persoas maiores de 50 anos que non presenten un deterioro cognitivo significativo e terá lugar todos os xoves, de 18.30 a 20.00 horas, na aula Cemit da Casa da Cultura.
A Ximnasia de Mantemento celebrarase os luns e mércores, de 17.00 a 18.00 horas, na aula grande do Centro Social. Para participar nestas dúas actividades, será necesario inscribirse entre o 23 e o 30 de setembro na cafetería do propio centro.
A programación complétase con dous obradoiros que tamén terán lugar nas instalacións do Centro Social. O de Manualidades desenvolverase os luns, de 18.00 a 19.30 horas, mentres que o de Baile Latino será os martes, de 18.00 a 19.00 horas. Neste caso, as persoas interesadas deberán contactar directamente coas monitoras, Mayte para Manualidades e Emilia para Baile Latino.
O centro manterá ademais dúas actividades de carácter mensual. A tarde de Bingo celebrarase o derradeiro venres de cada mes e o Faladoiro terá lugar o derradeiro mércores.
O concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Montes, explicou que, salvo no caso do Bingo e do Faladoiro, as actividades contan cun número limitado de prazas. Estas cubriranse por orde de inscrición e, unha vez completo o aforo, crearase unha lista de agarda para cubrir posibles vacantes.