O Centro Social de Quiroga ampliará a súa oferta de ximnasia cun novo grupo polas mañás

O Centro Social ampliará a actividade de Ximnasia de Mantemento coa creación dun novo grupo en horario de mañá, despois da elevada demanda rexistrada para participar nesta proposta.
A actividade comezou onte pola tarde con 40 participantes, mentres que outras 17 persoas quedaron inicialmente nunha lista de agarda. Ante esta situación, o concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández, anunciou a creación do novo grupo e ofreceu ás persoas xa inscritas a posibilidade de trasladarse ao horario de mañá.
O grupo que xa está en funcionamento mantén as súas sesións os luns e mércores, de 17.00 a 18.00 horas. Os exercicios están adaptados ás características das persoas participantes. O adestrador, Ivan Coba, tamén indicou aos asistentes que poden comunicarlle as súas diferentes patoloxías para que os exercicios se adapten ás súas necesidades e recibir indicacións sobre a maneira adecuada de realizalos.
O novo grupo estará dirixido por Sheila Di Glosia, aínda que polo momento non están definidos os días nin o horario das sesións O Concello concretará estas cuestións despois de que o concelleiro de Servizos Sociais se reúna coas persoas que actualmente forman parte da lista de agarda. Unha vez establecida a organización do novo grupo, faranse públicos os días e o horario.