O Centro Social de Quiroga acolle unha nova sesión do Faladoiro centrado nas emerxencias sanitarias

O Centro Social de Quiroga acolle este mércores unha nova sesión do Faladoiro mensual, que nesta ocasión estará centrado no ámbito das emerxencias sanitarias e na súa importancia á hora de salvar vidas.
O encontro contará coa participación de Xosé Ferrín, técnico de emerxencias sanitarias, que explicará en que consiste o seu labor diario e achegará consellos prácticos que poden resultar fundamentais en situacións de urxencia. Ferrín, natural de Carballo de Hospital, leva traballando no ámbito das emerxencias desde o ano 1998, primeiro atendendo a comarca de Quiroga e na actualidade na comarca de Lemos.
Ademais da parte divulgativa, o relator compartirá tamén algunhas anécdotas acumuladas ao longo da súa traxectoria profesional, co obxectivo de facer a sesión máis próxima e distendida.
O Faladoiro é unha iniciativa promovida polo Concello de Quiroga a través da Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá. Está moderado polo concelleiro Xosé Manuel Fernández e desenvólvese o último mércores de cada mes ás 18:00 horas no Centro Social.
Trátase dun espazo aberto á veciñanza no que, tras unha breve presentación da persoa convidada, os asistentes poden participar con preguntas ou compartir experiencias propias, favorecendo así a socialización e o intercambio de coñecemento.