O Centro Social de Quiroga celebrará o 18 de xuño a súa tradicional Festa da Primavera para socios e socias

O Centro Social acollerá o vindeiro 18 de xuño unha nova edición da súa tradicional Festa da Primavera, unha cita pensada para fomentar a convivencia entre os usuarios e usuarias e dar a benvida á tempada estival.
A xornada arrancará ás 13.00 horas cun xantar de confraternidade dirixido ás persoas asociadas ao centro, nun encontro que servirá tamén como punto de partida das actividades programadas para os próximos meses de verán.
As persoas que desexen participar xa poden formalizar a súa inscrición no bar do Centro Social. O prazo para anotarse permanecerá aberto ata o 12 de xuño.
A participación nesta actividade será gratuíta, aínda que desde a organización lembran que é requisito indispensable estar ao día no pagamento da cota de socio correspondente ao ano 2026.
Desde a Concellería de Servizos Sociais fan un chamamento á participación da veciñanza vinculada ao centro e solicitan tamén colaboración á hora de xestionar as reservas. Neste sentido, piden que aquelas persoas que finalmente non poidan asistir, tras inscribirse previamente, o comuniquen coa maior antelación posible para facilitar a organización do evento.
A Festa da Primavera consolidouse nos últimos anos como unha das actividades máis destacadas do calendario social do centro, favorecendo os encontros entre socios e socias nun ambiente festivo e de convivencia.