O Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón xa está en construción

RibeiraSacraXa

Arrancaron as obras de construción do Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón, ás que a Deputación de Lugo destina 2,2 millóns de euros.

residencia de maiores APobra do Brollón
residencia de maiores APobra do Brollón
18 abr 2024

Arrancaron as obras de construción do Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón, ás que a Deputación de Lugo destina 2,2 millóns de euros.

As máquinas comezaron a traballar na parcela, logo de que os técnicos da Deputación e a empresa adxudicataria asinaran a acta de replanteo, o último trámite administrativo previo ao inicio das tarefas.

“Cumprimos co noso compromiso cos veciños e veciñas da Pobra do Brollón de sacar adiante esta residencia e de empezar as obras nesta segunda quincena do mes de abril”, subliñou o presidente, José Tomé, quen destacou que a Deputación puxo todos os medios para solucionar no menor tempo posible os atrancos alleos á súa xestión que se foron dando neste proxecto.

Deste xeito, a Deputación aprobou no Pleno un incremento da súa aportación en máis de 725.000 euros debido á suba dos prezos de mercado debido ao contexto económico provocado pola guerra de Ucraína.

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que teñen un prazo de execución de 12 meses, despois da cesión de contrato por parte da adxudicataria inicial, un procedemento que foi autorizado pola institución provincial hai tan só un mes, momento no que o Presidente anunciou que as obras darían comezo na segunda quincena de abril, tal e como así se produce.

O presidente subliñou que, cumprindo coa palabra dada cando tomou posesión, a Deputación avanza na construción e posta en funcionamento das residencias comprometidas cos concellos, a pesar de non contar con ningún tipo de colaboración por parte da Xunta de Galicia, cando é a administración que, por Lei, ten as competencias nesta materia.

De feito, dende o 2019 e en só catro anos, a institución provincial puxo en marcha 6 centros baixo a súa presidencia, co que a día de hoxe están en servizo 9, ademais de seguir os procedementos para crear outras 9, entre elas a da Pobra do Brollón.

José Tomé destacou que, seguindo o modelo asistencial público que ten implantado a Deputación, a residencia da Pobra do Brollón ofrecerá unha atención de calidade aos usuarios, e favorecerá o arraigo dos veciños e veciñas do municipio, pois terán prioridade no acceso ás prazas.

Ademais, o centro creará emprego sostible, con 25 postos de traballo directos, aos que hai que sumar os indirectos e o retorno económico que leva consigo o funcionamento deste novo servizo.

O Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón

Este centro da Deputación de Lugo situarase na Avenida de Outeiro e contará con 36 prazas e na súa contorna disporá de espazos verdes pensados para o benestar das persoas usuarias.

Estará situada ao carón do centro de día municipal e será un edificio disposto en dous bloques compactos en forma de L en planta baixa, cun pequeno semisoto e unha superficie construída de 1.779 metros cadrados. O edificio contará con catro áreas diferenciadas: a área residencial, a área de dirección e administración, a área de servizos xerais e a de atención especializada.

Na área residencial atoparanse os dormitorios, as zonas de convivencia e espazos diáfanos. Na área de dirección e administración, que se atopará no recibidor de entrada, será onde estean os despachos e onde se reciban ás persoas de fóra do centro. Na área de servizos estará a cociña, o comedor, os corredores e o soportal exterior; e no semisoto situarase a lavandería e os locais de mantemento e seguridade. A cuarta área será a de atención especializada, onde se integrará o despacho médico, a sala de curas, dúas habitacións de enfermaría, e un baño asistido. A área de rehabilitación situarase nun local independente próximo á zona de recepción.