O CEIP San Clodio de Ribas de Sil comeza o curso con 24 alumnos e novos proxectos educativos

O colexio de educación infantil e primaria San Clodio, no concello de Ribas de Sil, comezou o curso académico 2026-2027 cunha matrícula de 24 nenos e nenas, unha cifra semellante á do exercicio anterior. Segundo os datos facilitados, tres alumnos que cursaban estudos no centro o ano pasado abandonárono, mentres que outros tres incorporáronse este curso, o que permitiu manter estable o número total de estudantes.
En canto ao persoal docente, o centro contará esta tempada con catro profesores fixos, aos que se suman outros tres itinerantes que compartirán o seu labor con colexios dos concellos veciños de Quiroga e A Pobra do Brollón.
O inicio de curso chega acompañado dun cambio na dirección do centro, que pasa a estar liderada por unha nova docente. Con motivo deste relevo, produciuse un encontro entre a nova responsable do colexio e a tenente de alcalde do Concello de Ribas de Sil, no que ambas repasaron as principais novidades previstas para este curso e reafirmaron a súa intención de seguir reforzando a colaboración entre a administración local e a comunidade educativa.
Polo que respecta aos proxectos pedagóxicos, o equipo docente trasladou que este ano continuarán iniciativas xa consolidadas como Voz Natura, que inclúe o mantemento do horto escolar e o invernadoiro. Como novidade, porase en marcha unha radio situada na biblioteca do centro, e seguirase traballando nos denominados Polos Creativos, espazo dedicado a actividades de robótica. Así mesmo, o alumnado tomará parte no Plan Director, centrado en cuestións de seguridade, así como nos programas escolares de reparto de froita e leite.
Entre as propostas anunciadas polo profesorado destaca tamén o desenvolvemento dun proxecto que se prolongará durante todo o curso e que estará centrado no Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel. Con esta iniciativa búscase vincular aínda máis a actividade escolar co territorio, achegando aos estudantes ao coñecemento do seu patrimonio natural, xeolóxico, cultural e etnográfico.
Outra das liñas de traballo previstas pasa pola recuperación de xogos tradicionais como recurso didáctico, co obxectivo de ofrecer aos menores alternativas de lecer e convivencia distintas ao fútbol durante os recreos e tempos libres.
Pola súa banda, o Concello de Ribas de Sil confirmou que manterá a súa colaboración co Programa Madruga, un servizo que facilita a conciliación laboral e familiar ao permitir aos nenos acudir ao centro antes do comezo das clases.
Desde o goberno local quixeron aproveitar o arranque do curso escolar para trasladar a súa aveñenza á nova directora do centro pola responsabilidade asumida, desexándolle éxito nesta nova etapa. Desde o Concello subliñan que a dirección da escola municipal implica unha tarefa de grande relevancia, ao tratarse dunha labor que, xunto co resto do equipo docente e as familias, contribúe á formación das novas xeracións, chamadas a ser o futuro do municipio.