O CB Lemavos abre a inscrición para a nova tempada con equipos desde a categoría Baby ata Cadete

O Club Baloncesto Lemavos continúa coa súa aposta polo crecemento e consolidación do baloncesto base en Monforte de Lemos e abre o prazo de inscrición para a nova tempada, que permanecerá aberto ata finais do mes de setembro.
A dirección deportiva do club confirma que xa están formados todos os equipos, desde a categoría Baby, para nenos e nenas de aproximadamente 5 anos, ata a categoría Cadete, destinada a xogadores e xogadoras de ata 16 anos.
O principal obxectivo do CB Lemavos é fomentar a práctica do baloncesto entre a mocidade e ofrecerlles un espazo no que desenvolver valores como o traballo en equipo, o esforzo e o compañeirismo. Para garantir unha formación deportiva de calidade, o club conta cunha ampla plantilla de adestradores, todos eles profesionais titulados e con experiencia nas canchas.
Aínda que faltan varias semanas para o inicio oficial das competicións, o traballo de preparación xa está avanzado. Os grupos de traballo e a planificación dos adestramentos están organizados para que os diferentes equipos poidan comezar a tempada coas máximas garantías.
Como parte da súa aposta por facilitar ás familias o acceso ao deporte, o CB Lemavos incorporará este ano unha vantaxe adicional: a cota de inscrición incluirá gratuitamente a equipación oficial de xogo completa para cada neno e nena.
O prazo para incorporarse á canteira permanecerá aberto ata finais de setembro. As familias interesadas en formalizar a inscrición ou resolver calquera dúbida poden contactar co club a través do teléfono ou WhatsApp 690 285 524, do correo electrónico cblemavos@gmail.com ou das súas redes sociais, @cb.lemavos, en Instagram e Facebook.
Desde o CB Lemavos animan os nenos e nenas e a toda a mocidade de Monforte a probar o baloncesto e formar parte dunha canteira que continúa medrando.