O CB Chantada mídese este sábado co Recoletas Salud Salamanca

RibeiraSacraXa
O equipo local afronta un partido de grande esixencia ante un dos conxuntos que aínda non coñece a derrota esta tempada
CB Chantada VS Recoletas Salud Salamanca
30 Oct 2026

O CB Chantada disputará este sábado 31 de outubro, ás 18.30 horas, un novo encontro como local no Pavillón Municipal de Chantada, onde recibirá ao Recoletas Salud Salamanca.

O conxunto visitante chega á cita como un dos tres equipos que se manteñen invictos no que vai de tempada e ocupa postos de cabeza na clasificación, o que converte o choque nunha proba de máxima esixencia para os locais.

A plantilla salmantina conta con xogadores de traxectoria recoñecida, entre eles Sergio de la Fuente, con pasado no Breogán, e Martín Álvarez, quen formou parte do Chantada hai dúas tempadas. O equipo tamén dispón de xogadores de notable condición física, coma o nixeriano Okeke e o estadounidense James, capaces de xerar perigo cando atopan espazos para atacar.

Dende o clube local, Alberto Fafián analizou a previa do encontro e destacou a necesidade de sosteren o nivel de xogo amosado nos últimos partidos. Neste sentido, salientou que, agás no último cuarto disputado en Xixón, o equipo competiu con solvencia, polo que o obxectivo pasa por manter esa regularidade durante os catro períodos do partido. Entre as claves tácticas, Fafián subliñou a importancia de controlar o ritmo do encontro ante un rival con xogadores de grande poder físico.

Para esta cita, o CB Chantada non poderá contar con Jaime Nieto nin con Matías Bertoglio, ambos os dous de baixa.

0.16130995750427