O Castro de Caldelas recibirá setembro con música, tradición e as Festas dos Remedios

O Castro de Caldelas dará a benvida ao mes de setembro cun programa de actividades no que a música tradicional, os actos relixiosos e as celebracións populares volverán ser protagonistas.
A programación arrancará o 5 de setembro cunha nova edición dos Cantos de Taberna, unha cita organizada pola Banda de Gaitas Os Trabazos.
Ao día seguinte, o 6 de setembro, celebrarase o acto de declaración da Virxe dos Remedios como alcaldesa perpetua, previsto para as 17.00 horas no Santuario. A xornada completarase coa tradicional Noite das Bandeiras.
As Festas dos Remedios terán lugar entre os días 7 e 10 de setembro. O Concello avanzou que o cartel específico co programa completo desta celebración será presentado proximamente.
A programación prevista para este inicio de setembro concluirá o día 12 coa celebración da Ruta das Fervenzas, unha actividade que permitirá descubrir algúns dos espazos naturais máis destacados do municipio.