O Castro de Caldelas celebra o impacto no comercio local do premio de 2.500 euros da campaña “Días Azuis”

RibeiraSacraXa
A Xunta destaca o efecto dinamizador destas campañas de consumo en comercio de proximidade
premio-campaña-dias-azuis-castro-caldelas
15 Jun 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou este domingo no Castro de Caldelas na entrega do premio extraordinario de 2.500 euros incluído na campaña “Días Azuis do Comercio Galego”, unha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Federación Galega de Comercio.

Segundo explicou a Xunta, o importe do premio debe empregarse nunha única xornada de compras en establecementos do comercio local, co obxectivo de impulsar a actividade económica de proximidade. Alén puxo en valor que esta contía repercuta directamente nos negocios da vila e da súa contorna.

No balance da campaña correspondente ao mes de abril, a Consellería sinala que se rexistraron arredor de 110.000 tíckets de compra en máis de 160 localidades galegas, cun volume total de vendas próximo aos 2,9 millóns de euros. Ademais do premio principal, tamén se distribuíron tarxetas prepago de 250 e 150 euros entre persoas participantes.

Durante a visita, na que tamén participou o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, o director xeral lembrou que segue activa a campaña “Merca no teu comercio”, que percorre distintas localidades galegas sen centros comerciais e inclúe sorteos de tarxetas regalo para incentivar o consumo no comercio de proximidade.

0.12732791900635