O Castañazo Rock fai públicos os horarios da súa décimo novena edición

RibeiraSacraXa
Os concertos desenvolveranse os días 1 e 2 de novembro
presentación-O-Castañazo-Chantada-2024
Imaxe da presentación do Castañazo Rock 2024
27 Out 2024

Chantada acolle os días 1 e 2 de novembro unha nova edición do Castañazo Rock, cita icónica que se celebra desde 1993 e que despois de varios parénteses, como o da pandemia da Covid, chega este ano á 19 edición.

Os concertos desenvolveranse, como é habitual, nas instalacións do Mercado Gandeiro e a apertura de portas farase os días 1 e 2, ás 19.00 horas para as 20.00 horas dar comezo aos concertos.

Nesta edición, contarase o venres 1 de novembro coas actuacións de Los Chikos del Maíz, Boikot, Zetak, Mondra, Quinkillada e Cool Nenas e o sábado, 2 de novembro, os concertos correrán por conta de Lendakaris Muertos, The Baboon Show, Lontreira, Dios Ke Te Crew, Boyanka Kostova. Entre concertos haberá música de DJ Sonora Balkumbiera.

O Festival conta con zona de acampada gratuíta e roupeiro habilitados nos pavillóns dos colexios. Ademais dos concertos, organízanse actividades paralelas para dar ambiente a toda a vila. No Auditorio Municipal haberá exposición de traballos sobre O Castañazo, realizados polo alumnado dos diferentes centros de ensino.

Por outra banda, o 2 de novembro celebraranse os Cantos de Taberna, que comezarán ás 15.00 horas, partindo da Praza de Santa Ana, coa participación de 12 grupos que percorrerán 11 bares da vila. Colabora cos Cantos de Taberna, o Entroido Ribeirao, que levará os seus personaxes no percorrido polos bares para poñer en valor esta emblemática tradición do Entroido. Ao redor das 18.00 horas prevese o remate dos Cantos de Taberna, aos que seguirá o pasarrúas de Mekanika Rolling Band.

Como actividades complementarias, como é habitual, contarase co magosto, que se celebrará o 2 de novembro as 19.00 horas no Recinto do Festival. O Ourizo Miúdo terá lugar nesa xornada, ás 11.30 horas no Auditorio Municipal de Chantada, onde as crianzas de todas as idades poderán pasar unha mañá chea de música, teatro, castañas e diversión con Brais das Hortas.

Nesta edición recupéranse os Xogos Bravús, que se desenvolverán na Praza do Cantón o día 1 de novembro nas categorías de Individual (comezo ás 16.00 horas) e Equipos (comezo ás 17.00 horas). Establécense as seguintes probas: Rebola Bolo, Lanzamento de Ourizo, Carreira de Leiteiras, Debulla Millo e Movemento de Marco.

Finalmente, e como novidade nesta 19 edición, organízase a I Feira de Artesanía, que se celebrará na Praza do Cantón os días 2 e 3 de novembro. Os 11 postos participantes abrirán o 2 de novembro de 11.00 a 19.00 horas e o 3 de novembro de 11.00 a 14.00 horas. Nenas e nenos contarán no mesmo escenario con actividades infantís a cargo de Velaísca, o domingo en horario de mañá.

Horarios do Castañazo Rock 2024

Venres, 1 de novembro

  • 20.00 horas. Mondra
  • 21.30 horas. Los Chikos del Maíz
  • 23.10 horas. Zetak
  • 1.10 horas. Boikot
  • 3.00 horas Quinkillada
  • 4.15 horas. Cool Nenas

Sábado, 2 de novembro

  • 20.00 horas. Lontreira
  • 21.30 horas. The Baboon Show
  • 23.35 horas. Lendakaris Muertos
  • 1.05 horas. Dios ke te Crew
  • 2.40 horas. Boyanka Kostova
1.5714640617371