O Campus Terra promove un estudo sobre o conflito entre gandería e lobo

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O obxectivo da enquisa en liña aberta á poboación galega é contrastar opinións para procurar puntos de encontro e posibles solucións que permitan mitigar a polarización xurdida trala inclusión do lobo no Listado de Especies en Réxime de Protección Oficial (Lespre).
lobo monte
25 Feb 2024

O obxectivo da enquisa en liña aberta á poboación galega é contrastar opinións para procurar puntos de encontro e posibles solucións que permitan mitigar a polarización xurdida trala inclusión do lobo no Listado de Especies en Réxime de Protección Oficial (Lespre).

Persoal investigador do Campus Terra da USC promove un estudo sobre a percepción social existente en Galicia arredor do conflito entre gandería e lobo. O obxecto da iniciativa impulsada por investigadores ea Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Facultade de Veterinaria de Lugo é contrastar as opinións da poboación galega, a fin de atopar puntos de encontro e, no seu caso, solucións, que contribúan a mitigar a polarización xurdida trala inclusión do lobo no Listado de Especies en Réxime de Protección Oficial (Lespre).

A enquisa, dispoñible en liña baixo o epígrafe ‘Gandería e lobo ibérico’, antóllase como un espazo de análise e debate axeitado para reflexionar e propoñer ideas orientadas a mellorar a xestión do lobo e a súa convivencia coa gandería extensiva, que é a máis damnificada pola acción depredadora desta especie de mamífero depredador.

O incremento dos danos rexistrados na gandería extensiva naquelas áreas con presenza de lobo e a posible relación entre esta casuística e o aumento do número de manadas, e mesmo dos individuos que as forman, constitúen dúas das incógnitas ás que pretende achegar respostas a enquisa de percepción social en Galicia sobre o conflito entre lobo e gandería.

O estudo dos valores poboacionais das especies e a análise do seu impacto na contorna requiren dunha interpretación desde a dinámica ecolóxica, subliña o estudante do mestrado en Enxeñaría de Montes Andrés Osoro, quen tamén salienta a importancia do coñecemento da opinión pública ou percepción social desta problemática como punto de partida ou escenario desde o que comezar a traballar no deseño de propostas e iniciativas encamiñadas a resolver o conflito.

A nova liña de traballo iniciada en Galicia sobre o impacto do lobo ibérico na gandería extensiva de Galicia xurde tralo elevado grao de interese que espertou unha iniciativa semellante xa desenvolvida en Asturias e que serviu para coñecer que a poboación asturiana se decanta polos plans de xestión do lobo fronte a outras medidas máis restritivas respecto do control desta especie, tal e como pode ser a derivada da prohibición da súa caza.

0.14605903625488