O Campus de Voleibol Ribeira Sacra pecha a súa décimo terceira edición con 63 participantes

RibeiraSacraXa
O encontro deportivo reuniu durante seis días a nenos e mozos de entre 7 e 16 anos, baixo a dirección de oito adestradores e adestradoras
clausura-campus-voleibol-ribeira-sacra
28 Aug 2026

O Pavillón Polideportivo da Pinguela acolleu este venres o acto de clausura do XIII Campus de Voleibol Ribeira Sacra, unha iniciativa organizada polo Club Voleibol Ribeira Sacra coa colaboración do Concello de Monforte de Lemos.

O campus desenvolveuse entre os días 23 e 28 de agosto e reuniu 63 deportistas de entre 7 e 16 anos, que participaron nas diferentes actividades programadas baixo a supervisión de oito adestradores e adestradoras. Para adaptar o traballo ás características de cada participante, a organización distribuíu aos rapaces e rapazas en catro grupos segundo a súa idade e nivel técnico.

O acto de peche contou coa presenza do alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e do concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, así como do director do Club Voleibol Ribeira Sacra, Manolo Martínez. Durante a clausura, os participantes recibiron unhas medallas conmemorativas como recordo da súa participación nesta edición, que foron entregadas polo alcalde e o concelleiro.

José Tomé destacou o número de deportistas que tomaron parte nesta edición e puxo en valor o traballo desenvolvido polo Club Voleibol Ribeira Sacra para fomentar a práctica deportiva entre os máis novos.

O alcalde tamén salientou que o apoio ao deporte base constitúe unha das prioridades do Equipo de Goberno municipal dentro das políticas deportivas, especialmente no caso do voleibol, unha disciplina na que Monforte conta cunha importante canteira e que converte a cidade nun referente deste deporte no ámbito galego.

0.14671301841736