O Campamento de Verán da Pobra do Brollón facilita a conciliación a 57 nenos e nenas

O Campamento de Verán da Pobra do Brollón botou a andar estes días co obxectivo de facilitar a conciliación familiar durante os meses estivais para un total 57 nenas e nenos de entre 3 e 11 anos.
O programa está financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade no marco do Plan Corresponsables. O Concello é beneficiario desta liña de axudas por cuarto ano consecutivo, grazas á xestión da área de Servizos Sociais, encargada de elaborar o programa ‘A Guimaralia máis Corresponsable’ e de tramitar e executar a subvención, concedida en réxime de concorrencia competitiva.
O alcalde Xosé Lois Maceda, a concelleira Marián Martínez e a educadora familiar Mónica Carballo visitaron o campamento o pasado martes, onde saudaron á rapazada e mantiveron contacto cos monitores Antía, Moraima e Marcos, da empresa de animación educativa Velaisca.
A visita coincidiu cunha xornada de xogos de auga e coa celebración do aniversario da nena Sofía, momento no que se compartiron lambetadas e no que se cantou o aniversario en varios idiomas, incluído o rumano.
O campamento inclúe actividades de xogo libre e guiado, tanto en interior como en exterior, ademais de obradoiros creativos como traballos con arxila, pintura ou elaboración de pulseiras.