O bus urbano de Monforte supera os 93.000 usuarios en 2025 e marca un novo máximo histórico

O servizo de bus urbano de Monforte pechou o ano 2025 cun total de 93.643 usuarios, a cifra máis alta rexistrada ata o momento. Son 11.063 viaxeiros máis ca no ano anterior, o que supón un incremento do 13,4% e consolida a tendencia ascendente do servizo.
O alcalde, José Tomé Roca, destacou o “espectacular crecemento” do transporte urbano e sinalou que “confirma a tendencia ascendente do servizo de bus urbano e permítenos celebrar, sen lugar a dúbidas, o éxito dunha medida que transformou a mobilidade no noso municipio desde que no ano 2020 este alcalde e este equipo de goberno apostamos de xeito pioneiro por implantar a gratuidade”.
A evolución do número de usuarios reflicte ese crecemento continuado. En 2019, antes da implantación do servizo gratuíto, contabilizáranse 14.422 viaxeiros. A partir de 2020, primeiro ano coa nova política, a cifra ascendeu a 34.655, continuando con 52.685 en 2021, 63.824 en 2022, 68.657 en 2023, 82.580 en 2024 e, finalmente, 93.643 en 2025. “Os datos son espectaculares e dan boa conta da excelente acollida deste servizo público e gratuíto que ofrecemos no Concello de Monforte e que aumenta ano a ano de maneira exponencial”, afirmou o rexedor, quen engadiu que “desde que implantamos a gratuidade en 2020 a cifra de viaxeiros medrou un 550%”.
O alcalde incidiu en que “estes datos demostran que a aposta pola gratuidade do transporte público, unha medida pioneira en Galicia e no conxunto do Estado, foi unha decisión acertada, que non só facilita a mobilidade da veciñanza, senón que tamén contribúe á sustentabilidade e á redución do uso do vehículo privado”. Neste senso, cualificou o servizo como “totalmente consolidado e cunha gran aceptación por parte da cidadanía”.
Tomé tamén subliñou que, xunto coa gratuidade do bus urbano e a recente posta en marcha do Bus Rural, “reafirmamos o compromiso deste equipo de goberno cun modelo de mobilidade máis accesible, eficiente e respectuoso co medio ambiente”.
No detalle por meses, outubro foi o período con maior número de viaxeiros, ao acadar os 10.161 usuarios. Tamén destacan setembro, con 8.402, así como maio (8.220) e xuño (8.262), todos eles con cifras elevadas.
O resto do ano completouse con rexistros de 6.549 usuarios en xaneiro, 7.578 en febreiro, 7.427 en marzo, 7.511 en abril, 7.397 en xullo, 6.811 en agosto, 7.990 en novembro e 7.335 en decembro. A media mensual situouse en 7.803 viaxeiros.
O bus urbano municipal comezou a funcionar o 1 de febreiro de 2020 como un servizo gratuíto, cun vehículo moderno, accesible e adaptado para persoas con mobilidade reducida. Segundo destacou o alcalde, “dende a posta en marcha do servizo, o novo bus urbano monfortino suscitou a atención doutras cidades e concellos de Galicia e tamén de numerosos medios de comunicación”, o que permite afirmar que “Monforte é unha cidade pioneira en transporte público gratuíto”.
“Os excelentes datos de usuarios permítennos afirmar que este servizo está a cumprir co fin social para o que foi ideado”, engadiu.
Na mesma liña, en decembro de 2025 púxose en marcha o Bus Rural, tamén gratuíto, que garante a conexión das 26 parroquias co centro urbano durante os días laborables. Segundo indicou Tomé, con estas iniciativas “reafirmamos o compromiso deste equipo de goberno cun modelo de mobilidade máis accesible, eficiente e respectuoso co medio ambiente, e cumprimos un compromiso adquirido cos veciños do rural nas pasadas eleccións municipais”.