O BNG solicita á CHMS aclaracións sobre as actuacións que se están a desenvolver na contorna de Vilanova, no río Cabe

RibeiraSacraXa
Piden saber se ditas actuacións forman parte do proxecto de recuperación das marxes do río Cabe, se contan coas autorizacións pertinentes e se o organismo coñece e avala o que se está executando na zona
rio-cabe-monforte
5 May 2026

O BNG de Monforte vén de rexistrar unha solicitude de información dirixida á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para obter aclaracións sobre unhas actuacións que se están a desenvolver na contorna de Vilanova, no río Cabe.

Segundo informacións aparecidas en distintos medios, o organismo de conca ten prevista a execución de obras de emerxencia destinadas a reparar os danos provocados polos temporais deste inverno nas marxes do río ao seu paso por Monforte. Estas intervencións, cun investimento próximo aos 990.000 euros, localizaríanse entre a zona do Club Fluvial e a parroquia de Ribas Altas.

O grupo nacionalista asegura que comprende a necesidade de actuacións para a recuperación das beiras tras as crecidas, pero cuestiona os traballos que se estarían a realizar en Vilanova, unha área que queda fóra do ámbito inicialmente anunciado. Tras recibir avisos da veciñanza e desprazarse ao lugar, o BNG afira ter comprobado a existencia de movementos de terra de grande envergadura sen relación clara co proxecto comunicado.

“Estamos a falar dunha actuación que está a provocar unha alteración moi significativa das beiras do río nunha zona de alto valor ambiental e social, como é Vilanova, sen que exista unha explicación clara que a xustifique”, sinala Manuel Luaces Fernández.

A formación tamén pon o foco na situación da titularidade dos terreos afectados. Explica que aproximadamente a metade da zona é propiedade do Concello de Monforte, polo que pregunta se o goberno local ten coñecemento das intervencións. A outra metade correspondería a unha propiedade privada, cuxo titular, segundo o BNG, non tería recibido notificación previa nin coñecemento da actuación.

“Estamos ante unha situación moi preocupante: actuacións de gran impacto sobre dominio público e propiedades privadas sen información clara nin constancia de comunicación ás persoas afectadas”, engade Luaces.

Ademais, denuncian a falta de transparencia na información dispoñible. Sinalan que o cartel da obra non recolle número de proxecto nin referencia a licenza municipal, e que incluso fai referencia a unha actuación en Sambade, unha zona distinta e situada augas arriba, o que incrementa a confusión sobre o alcance real dos traballos.

Por todo isto, o BNG solicitou á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que aclare se as actuacións en Vilanova forman parte do proxecto de recuperación das marxes do río Cabe, se contan coas autorizacións pertinentes e se o organismo coñece e avala o que se está executando na zona.

“Entendemos que hai que actuar tras as medradas do río, pero non a calquera prezo nin de calquera maneira. Vilanova non pode pagar o prezo dunhas obras que, tal e como se están executando nesa zona, resultan totalmente desproporcionadas e inxustificables”, conclúe o concelleiro do BNG.

0.11576008796692