O BNG pide no Parlamento que a Xunta revise a autorización do proxecto da nova ponte sobre o río Cabe en Monforte

RibeiraSacraXa
Advirten do “enorme impacto” que pode ter esta actuación e piden á Xunta que reconsidere a súa posición
iago-suarez-bng
5 Jun 2026

O Bloque Nacionalista Galego rexistrou no Parlamento de Galicia unha Proposición Non de Lei na que insta á Xunta a revisar no prazo dun mes a autorización concedida pola Dirección Xeral de Patrimonio para o proxecto dunha nova ponte sobre o río Cabe ao seu paso polo casco urbano de Monforte de Lemos. A iniciativa está asinada polos deputados Iago Suárez Fernández e Luis Bará Torres.

Segundo explicou o deputado Iago Suárez, a actuación prevista suporía unha transformación significativa nunha das zonas máis representativas da cidade. Nese sentido, advertiu de que “o proxecto contempla ramplas de acceso de ata case tres metros de altura que alterarían completamente a beira do río e introducirían elementos alleos á súa contorna natural. Estamos ante unha actuación de enorme impacto e claramente desproporcionada”.

O parlamentario do BNG sinalou ademais que existen alternativas para reducir ou eliminar o tráfico rodado pola ponte medieval sen recorrer a unha infraestrutura desta magnitude. “Non se pode poñer en risco un espazo tan valioso para Monforte cando existen outras solucións menos agresivas e moito máis respectuosas co patrimonio e coa paisaxe urbana”, afirmou.

Suárez puxo tamén o foco no papel da veciñanza, destacando o labor dunha plataforma cidadá que leva anos advertindo das posibles consecuencias do proxecto e reclamando unha revisión máis ampla do futuro do entorno do Malecón. “O Malecón e a contorna do Cabe forman parte da identidade de Monforte. As administracións teñen a responsabilidade de protexer este patrimonio colectivo e de escoitar á veciñanza antes de adoptar decisións que poden ser irreversibles”, subliñou.

Desde o BNG consideran que a autorización de Patrimonio é clave para a execución da obra e reclaman á Xunta que reconsidere a súa posición co obxectivo, din, de garantir a protección do patrimonio histórico, paisaxístico e ambiental da zona.

A iniciativa será debatida proximamente na Cámara galega, onde o grupo nacionalista defenderá a necesidade de apostar por solucións alternativas que sexan compatibles coa conservación da contorna do río Cabe en Monforte de Lemos.

0.11587500572205