O BNG pide ao Goberno investigar os apagamentos de Chantada e reforzar a rede para evitar novos cortes

O BNG presentou unha iniciativa no Congreso dos Deputados para instar ao Goberno do Estado a investigar os recentes apagamentos rexistrados no concello de Chantada, reforzar os mecanismos de control sobre a empresa distribuidora e impulsar os investimentos necesarios para garantir un servizo eléctrico estable e evitar que se repitan episodios semellantes.
A formación nacionalista lembra que, en menos dunha semana, Chantada sufriu dous cortes de subministración que deixaron sen electricidade durante varias horas tanto o casco urbano como as 36 parroquias do municipio. Segundo sinala o BNG, a situación provocou perdas económicas e numerosos prexuízos para a veciñanza, o pequeno comercio, os establecementos hostaleiros e as explotacións do sector primario.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera que “non estamos diante dun incidente illado nin dunha simple coincidencia. Dous apagamentos de grande magnitude na mesma infraestrutura e nun prazo de poucos días evidencian que é necesario esclarecer o sucedido e determinar se existen deficiencias no mantemento e na planificación da rede eléctrica”.
Segundo expón a formación nacionalista, os cortes ocasionaron perdas de alimentos, avarías en equipos eléctricos e de telecomunicacións, interrupcións do servizo telefónico en distintos núcleos do concello e o funcionamento continuado de numerosas alarmas durante horas. “As consecuencias dun servizo deficiente recaen sempre sobre as familias, os negocios e as explotacións agro-gandeiras, mentres a empresa limítase a falar dunha suposta coincidencia que non resulta convincente”, afirma Rego.
Na iniciativa rexistrada, o BNG solicita ao Goberno que abra unha investigación e requira á empresa distribuidora un informe técnico detallado sobre as avarías rexistradas na liña de media tensión e nos transformadores afectados, co fin de determinar as causas dos apagamentos e depurar as responsabilidades que correspondan.
Ademais, Néstor Rego demanda que o Executivo exerza as súas competencias de inspección e control para comprobar se a empresa está a cumprir os estándares de calidade establecidos na Lei do Sector Eléctrico. “O Goberno debe comprobar se a empresa está a cumprir as súas obrigas legais, realizar as inspeccións e auditorías precisas e obrigala a acometer os investimentos necesarios para asegurar unha subministración eléctrica estábel e segura para toda a veciñanza de Chantada”, sostén o deputado.
O Bloque tamén reclama que as administracións competentes supervisen as reclamacións presentadas polas persoas afectadas para garantir que reciban as indemnizacións e compensacións que lles correspondan polos danos sufridos.
Por último, a formación nacionalista solicita que o Goberno faga públicos os datos sobre a calidade da subministración eléctrica en Chantada durante os últimos cinco anos, así como a información relativa aos posibles expedientes informativos ou sancionadores tramitados contra a empresa distribuidora por incumprimentos da normativa.