O BNG pide á Xunta e ao Concello de Chantada explicacións ante o proxecto da planta de almacenaxe de enerxía en Pesqueiras

RibeiraSacraXa
O deputado nacionalista e responsable local en Chantada, Iago Suárez, advirte da “preocupación e inquietude” que o proxecto xera entre as filas nacionalistas e a veciñanza
iago-suarez-bng-chantada
16 Apr 2026

O deputado do Parlamento galego e responsable local do BNG de Chantada, Iago Suárez, expresa a súa preocupación e inquietude“ polo proxecto da planta de almacenaxe de enerxía que ocuparía polo menos catro hectáreas na parroquia de Pesqueiras, e que advirte, podería ter serias afectacións á saúde da poboación.

O BNG vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento galego instando a Xunta a informar acerca do proxecto da empresa Grenergy para a parroquia chantadesa de Pesqueiras. Trátase dunha planta de acumulación de enerxía que, segundo o proxecto, que se deu a coñecer estes días, ocuparía un terreo de catro hectáreas e implicaría a instalación de dúas subestacións, todo isto nun territorio moi achegado á zona Ben de Interese Cultural. Para alén diso, a instalación desta planta, segundo denuncian as veciñas e veciños de Pesqueiras, podería ter danos na saúde da poboación polos ruídos que estas xeran, á parte do impacto visual que evidentemente tamén teñen.

Por este motivo, Suárez insiste na “preocupación e inquietude” da veciñanza a este respecto e vén de pedir explicacións e información ao Goberno Galego acerca do proxecto. “Queremos saber que opina o goberno de Alfonso Rueda desta posíbel instalación da planta de almacenaxe de enerxía e se ve viábel que o proxecto vaia adiante aínda coa oposición frontal da veciñanza”, sinala o deputado nacionalista, que aplaude a “iniciativa das veciñas e veciños de Pesqueiras que xa están a levar a cabo reunións e encontros parroquiais para se organizar e tentar defender o seu territorio”.

A instalación prevé contar con até 144 baterías e dúas subestacións que, segundo Suárez, terán un impacto descoñecido, pero desde logo grande”. A este respecto, Suárez tamén insta o Concello de Chantada a se pronunciar sobre o proxecto, a pórse de lado da veciñanza e a aceptar a reunión que se lle pediu por parte das e dos habitantes de Pesqueiras.

O proxecto encóntrase actualmente en fase de alegacións que deben ser entregadas na delegación territorial da Xunta de Galicia en Lugo.

0.1032030582428