O BNG pide a Bruxelas máis flexibilidade para usar drons fitosanitarios nos viñedos da Ribeira Sacra

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
A eurodeputada Ana Miranda pide igualdade de condicións entre viticultores europeos e censura ao Goberno español non ter regulado esta excepción, como si fixo Francia
Ana Miranda
Imaxe de arquivo
11 Sep 2026

A eurodeputada do BNG Ana Miranda trasladou ás institucións europeas unha petición para facilitar o emprego de drons na pulverización de produtos fitosanitarios nos viñedos da Ribeira Sacra, unha práctica que, segundo defende, xa se aplica en Francia e que en España segue sen contar cun marco legal específico.

A través dunha pregunta parlamentaria oficial, con solicitude de resposta escrita, a representante nacionalista preguntou á Comisión Europea sobre a aplicación do artigo 9 da Directiva 2009/128/CE. Esta norma comunitaria permite excepcións á prohibición xeral de fumigación aérea cando non existen alternativas viables ou cando o seu uso presenta vantaxes claras fronte aos métodos terrestres, tanto para a saúde das persoas como para o medio ambiente.

Miranda considera que esta vía resulta especialmente pertinente para a Ribeira Sacra, un territorio caracterizado pola viticultura de montaña, o minifundismo e as pendentes moi acusadas, factores que, ao seu ver, encaixan cos supostos que a propia normativa europea contempla para autorizar excepcións. Neste sentido, preguntou directamente á Comisión se o Estado español podería amparar o uso de drons con fins fitosanitarios na zona, algo que, sinala, ven sendo demandado polo propio sector vitivinícola para poder seguir traballando en condicións semellantes ás dos seus homólogos franceses.

A eurodeputada lembra que Francia conta dende hai tempo cun marco regulador que habilita, baixo determinados requisitos, o emprego de drons en cultivos situados en terreos onde a orografía dificulta ou impide o uso de maquinaria convencional. En boa parte da Ribeira Sacra, subliña, a mecanización está prohibida, do mesmo xeito que o rego automático, o que deixa aos viticultores con moi poucas alternativas para o tratamento das plantacións.

Miranda trasladou tamén á Comisión Europea a súa preocupación por unha posible desvantaxe competitiva entre produtores de distintos territorios se non se homoxeneíza o criterio sobre a pulverización aérea, e lamentou o que considera unha falta de impulso político por parte do Goberno central para abordar esta cuestión de forma lexislativa.

Os drons como ferramenta fronte ao despoboamento

Máis alá do debate normativo, a eurodeputada vinculou esta demanda coa conservación da Ribeira Sacra, unha paisaxe cultural recoñecida como Ben de Interese Cultural, na que o mantemento da actividade viñateira se considera clave tanto para preservar a paisaxe como para sosteren a economía local e freaar a perda de poboación.

Na súa pregunta á Comisión, Miranda expón se a introdución de novas tecnoloxías podería contribuír a que a actividade agraria se manteña en zonas rurais afectadas polo despoboamento, un dos obxectivos que persegue a Política Agraria Común no relativo ao relevo xeracional. Nesa liña, defende que unha regulación específica para o emprego de drons na pulverización sanitaria podería converterse nunha ferramenta relevante para dar continuidade ao que se coñece como viticultura heroica.

A representante do BNG considera que un uso regulado desta tecnoloxía, aplicado con criterios estritos de seguridade, podería compatibilizar a modernización do sector coa conservación da paisaxe, ademais de favorecer que as xeracións máis novas se incorporen á actividade vitivinícola.

O BNG coincide coas reivindicacións do sector sobre a necesidade de contar con alternativas viables para manter unha actividade que forma parte da identidade e da economía galegas. A formación defende, ademais, que calquera normativa futura sobre o emprego de drons na Ribeira Sacra debería distinguir entre zonas habitadas, áreas chairas e ribeiras, adaptando as condicións de uso ás características de cada espazo.

0.14679098129272