O BNG levará ao pleno unha moción para reclamar a recuperación da Muralla Medieval de Monforte

O Grupo Municipal do BNG en Monforte defenderá no vindeiro pleno unha moción na que solicita á Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que adopte medidas para garantir a recuperación, protección e conservación da Muralla Medieval da cidade.
A formación nacionalista considera que este elemento patrimonial constitúe unha das pezas históricas máis relevantes de Monforte, xunto co Conxunto Histórico-Artístico e o Colexio da Nosa Señora da Antiga, e subliña o seu valor dentro da identidade cultural e histórica do municipio.
Desde o BNG lembran que a muralla conta coa declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) e está integrada no ámbito protexido do casco histórico, pero advirten de que o seu estado de conservación segue xerando preocupación.
O voceiro nacionalista na corporación municipal, Emilio J. Sánchez, asegurou que “non chega con recoñecer o valor patrimonial da muralla sobre o papel. As administracións teñen a responsabilidade de actuar para conservar e recuperar un elemento que forma parte da historia colectiva de Monforte”.
Segundo expón o grupo municipal, ao longo dos últimos anos non se desenvolveron actuacións suficientes para frear o deterioro deste ben patrimonial. Por iso, consideran necesario impulsar medidas concretas de conservación e posta en valor.
“Falamos dun patrimonio que non só ten valor histórico ou arquitectónico, senón tamén potencial cultural, educativo e mesmo turístico para o conxunto da cidade. Cando se perde patrimonio, pérdese tamén parte do que somos”, engadiu Sánchez.
A moción reclama especificamente a intervención da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para impulsar actuacións que garantan o mantemento e a recuperación da muralla medieval.
Desde o BNG defenden que a protección do patrimonio histórico debe formar parte das prioridades institucionais e reclaman unha estratexia continuada que permita conservar e valorizar os elementos máis emblemáticos de Monforte.