O BNG levará ao Congreso a prohibición dunha concentración contra a nova fonte de Monforte

RibeiraSacraXa
A formación reclama explicacións ao Ministerio do Interior pola negativa á mobilización e polo operativo policial previsto para un acto que cualifica de pacífico
futura-fonte-parque-dos-condes-monforte
4 Aug 2026

O BNG anunciou que rexistrará unha pregunta no Congreso dos Deputados dirixida ao Ministerio do Interior para solicitar explicacións sobre a decisión de impedir a concentración cidadá convocada o pasado 31 de xullo en Monforte baixo o lema "Non á fonte", así como sobre o dispositivo policial previsto para esa mobilización.

A formación nacionalista solicita que o Goberno explique os motivos polos que non se autorizou unha concentración que, segundo sinala, estaba prevista entre as 22.00 e as 22.30 horas na beirarrúa situada fronte á oficina do BBVA e que remataría antes do inicio da inauguración da nova fonte do Parque dos Condes, polo que asegura que non coincidiría co acto institucional.

O BNG lembra que a convocatoria foi comunicada con carácter de urxencia debido a que o anuncio da inauguración se realizou con escasa antelación, o que, segundo indica, impedía cumprir os prazos ordinarios establecidos para este tipo de comunicacións. A pesar desta circunstancia, considera que a resposta das autoridades foi "desproporcionada" e entende que debe ser aclarada.

Na iniciativa parlamentaria, a formación tamén cuestiona o operativo de seguridade previsto para facer fronte á concentración, no que, segundo afirma, se contemplaba a presenza de arredor dunha decena de axentes da Policía Nacional, outro número semellante de efectivos da Policía Local, ademais de persoal de seguridade privada e membros de Protección Civil.

O responsable local do BNG en Monforte, Manuel Luaces, afirmou que “unha vez máis queda de manifesto o carácter autoritario, antidemocrático e intimidatorio de José Tomé. Impedir unha concentración pacífica que nin sequera coincidía coa inauguración dunha obra pública é impropio dunha democracia madura”.

Luaces engadiu que “esta decisión tamén evidencia o peso político que José Tomé continúa tendo dentro dos aparatos do PSOE. É necesario que o Ministerio do Interior explique quen adoptou esta decisión, con que criterios e por que se limitou o exercicio dun dereito fundamental como é o dereito de reunión e manifestación nunhas condicións nas que non existía ningunha alteración da orde pública que o xustificase”.

A través desta iniciativa, o BNG solicitará ao Ministerio do Interior información sobre os motivos que fundamentaron a negativa á concentración, os informes nos que se baseou a decisión e os criterios empregados para deseñar o dispositivo policial previsto para esta mobilización.

0.12513899803162