O BNG esixe á Xunta medios e persoal suficientes para os GES tras o incendio da Pobra de Trives

O deputado do BNG Iago Tabarés rexistrou dúas iniciativas no Parlamento de Galiza coa finalidade de pedir melloras no funcionamento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e de esclarecer o sucedido durante a intervención no incendio que tivo lugar o pasado 17 de outubro nunha vivenda da Pobra de Trives. O lume destruíu por completo o inmoble e chegou a estenderse á casa veciña.
A través destas propostas, os nacionalistas solicitan que se garanta o funcionamento estable e continuado de todos os GES, dotándoos do persoal e dos medios materiais e tecnolóxicos necesarios para cumprir coas funcións que teñen atribuídas. Así mesmo, reclaman que se recoñezan as condicións laborais e profesionais dos seus traballadores, en coherencia coas tarefas que desenvolven.
O parlamentario tamén traslada ao Goberno galego varias preguntas, entre elas se considera que integrar e vincular estes grupos cos Consorcios Provinciais contra Incendios e Salvamento podería contribuír a mellorar o seu funcionamento e eficacia. Igualmente, pregunta se existe previsión de incrementar as achegas autonómicas e de avanzar cara a un servizo público de extinción e salvamento con criterios homoxéneos e condicións laborais equiparadas en todo o territorio.
Desde o BNG insisten en que tanto o partido como o propio colectivo profesional levan tempo alertando sobre a falta de persoal, as vacantes que permanecen sen cubrir, as dificultades para manter os efectivos comprometidos e unhas condicións laborais que empuxan aos profesionais a buscar outros destinos. A estes problemas súmanse, segundo explica Tabarés, "problemas de equipamento, quendas atendidas por un único efectivo, bases que non permanecen operativas durante a noite e gardas localizadas no domicilio en lugar de presenza física nas instalacións".
En relación co incendio da Pobra de Trives, o BNG alerta de informacións que apuntan a unha posible insuficiencia de efectivos e medios na comarca de Trives o día do sinistro, así como a un posible atraso na activación dos recursos dispoñibles. Por iso, Tabarés esixe que a Xunta aclare como se xestionou a emerxencia, en que momento se mobilizaron os distintos servizos e cando chegaron efectivamente ao lugar dos feitos.
O deputado solicita coñecer a hora exacta en que o 112 recibiu o aviso, que recursos foron mobilizados, os seus horarios de activación e chegada, e detalles sobre a actuación do GES de Castro Caldelas, incluíndo o número de efectivos desprazados e o destino que se lles asignou inicialmente. Pregunta tamén se o dispositivo chegou a dirixirse nalgún momento cara a Parada de Sil e que outros servizos participaron no operativo.
Ademais, o BNG formula cuestións sobre o uso de persoal dos GES en tarefas municipais alleas ás emerxencias, sobre os mecanismos de control do financiamento autonómico e sobre os problemas de funcionamento da aplicación instalada nas tabletas que estes servizos empregan para recibir os avisos do 112.
Tabarés sitúa o sucedido na Pobra de Trives dentro dunha problemática máis ampla que afecta ao funcionamento dos GES en distintas zonas do país, especialmente nas comarcas do interior. Alí, a dispersión da poboación e a distancia ata os parques de bombeiros converten a estes grupos nun recurso esencial para garantir unha primeira resposta eficaz ante as emerxencias.