O BNG do Saviñao reclama o acceso á auga potable para todos os veciños de Fión

RibeiraSacraXa
Os nacionalistas denuncian que a rede existe pero que o servizo só chega a unha parte da parroquia e piden ao Concello que garanta os mesmos dereitos para toda a veciñanza
Fión-O-Saviñao
31 Jul 2026

O BNG do Saviñao esixiu ao Goberno local que facilite o acceso ao servizo municipal de auga potable a todos os veciños da parroquia de Fión, ao considerar que se trata dun servizo básico que, segundo denuncian, só está a chegar a un número reducido de persoas e de forma discriminatoria. Os nacionalistas lembran que o artigo 26.1 da Lei de Bases de Réxime Local establece a obriga dos concellos de prestar o servizo domiciliario de abastecemento de auga potable.

Desde a formación sinalan que resulta “incomprensible” que, existindo xa a canalización de auga potable na zona, non se permita aos residentes conectarse á rede, o que, segundo indican, provoca importantes prexuízos para os afectados.

O BNG considera ademais “paradoxal” que a Ribeira Sacra aspire a ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade por unha paisaxe ligada á auga mentres, segundo afirman, hai zonas nas que a veciñanza continúa sen acceso a este recurso básico. Os nacionalistas sosteñen que a carencia e as deficiencias nos servizos públicos son un problema recorrente nas parroquias máis afastadas do núcleo urbano e que esta situación afecta tamén á actividade económica e aos negocios da zona.

A esta falta de abastecemento de auga, engaden outras carencias como problemas na recollida do lixo ou na limpeza dos camiños. Por iso, instan ao Concello a resolver unha situación que consideran de fácil solución e lembran que todos os habitantes do municipio teñen dereito a recibir os mesmos servizos públicos con independencia do lugar no que residan.

O BNG conclúe que no Saviñao “non hai veciños de primeira e de segunda” e reclama ao Executivo municipal que garanta a igualdade de trato e o acceso aos servizos básicos para toda a poboación do concello.

0.12274193763733