O BNG de Quiroga organiza este venres un acto sobre Begoña Caamaño polo Día das Letras Galegas

RibeiraSacraXa
A escritora e profesora Olga Novo protagonizará unha charla centrada na obra e no compromiso social da autora homenaxeada este ano
acto-letras-galegas-bng-quiroga
12 May 2026

O BNG de Quiroga volverá sumarse este ano á celebración do Día das Letras Galegas cun acto dedicado á figura de Begoña Caamaño, autora homenaxeada neste 2026.

A actividade levará por título “Begoña Caamaño, a muller que inventaba o mundo” e desenvolverase o vindeiro venres 15 de maio, ás 20.00 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura de Quiroga.

O encontro contará coa participación da escritora e profesora Olga Novo, quen realizará un percorrido pola obra de Caamaño para afondar na reinterpretación dos mitos desde unha perspectiva feminista e tamén na relación da autora coa realidade social galega.

Segundo avanzou a relatora, a intervención abordará figuras da tradición literaria como “A Penélope”, presentes tanto na obra de Begoña Caamaño como na literatura galega, así como outras “Penélopes reais”.

Desde o BNG de Quiroga animan á veciñanza a participar nesta actividade para achegarse á traxectoria da escritora e xornalista viguesa, destacada tanto polo seu labor profesional como pola repercusión das súas obras, especialmente “Circe ou o pracer do Azul” e “Morgana en Esmelle”, títulos polos que recibiu diversos recoñecementos literarios.

A formación nacionalista tamén quixo poñer en valor o activismo social de Begoña Caamaño, subliñando o seu compromiso “como nacionalista, sindicalista, feminista e antimilitarista”.

0.12357497215271