O BNG de Monforte súmase á denuncia da AELG e pide a reposición do monolito de Antón Avilés de Taramancos

O BNG de Monforte volve a pedir a reposición inmediata do monólito dedicado a Antón Avilés de Taramancos, despois de levar ao pleno municipal diversas iniciativas para esclarecer a súa situación e reclamar unha solución urxente. Os nacionalistas súmanse á denuncia pública da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), que puxo de manifesto que este elemento simbólico, inaugurado no ano 2003 con motivo do Día das Letras Galegas, leva meses abandonado nunha leira de propiedade municipal, tras ser retirado do seu emprazamento orixinal.
Dende o BNG consideran “absolutamente inaceptable” esta situación, ao tratarse dun elemento de alto valor cultural e simbólico para a vila e para o conxunto do país. “Non estamos falando dunha simple pedra, estamos falando dun símbolo da nosa cultura e da memoria dun dos nosos autores máis relevantes”, afirma o responsable local do BNG en Monforte, Manuel Luaces, que considera “incomprensible que o Concello permita que un elemento destas características leve meses abandonado, sen dar explicacións á veciñanza”.
Luaces asegura que “o BNG xa actuou onde corresponde, levando este asunto ao pleno, mentres outros optan polo silencio ou a inacción”, e aadvirte que “non se pode presumir de compromiso coa cultura mentres se deixa tirado o patrimonio que a representa”.
Desde o BNG de Monforte esixen que o goberno local actúe “de maneira inmediata” para repoñer o monólito no seu lugar orixinal e reparar unha situación que cualifican de “falta de respecto á memoria colectiva”. “É unha cuestión de dignidade e non imos parar ata que se restitúa o que nunca debeu ser retirado nestas condición”, conclúe Luaces.