O BNG de Monforte rexeita a agresión homófoba sufrida por unha veciña da cidade

O BNG de Monforte de Lemos fai público o seu rexeitamento á agresión de carácter homófobo que sufriu o pasado venres unha veciña da localidade, á que trasladou o seu apoio e solidariedade, extensible tamén ao seu contorno máis próximo.
Dende a formación nacionalista lamentan que este tipo de episodios, motivados pola orientación sexual ou a identidade das persoas, se sigan repetindo, e piden non restar importancia a discursos que, ao seu xuízo, atentan contra os dereitos e a diversidade.
O responsable local da organización, Manuel Luaces, sinala que ningunha persoa debería sentir medo, recibir insultos ou ser agredida pola súa orientación sexual, e subliña que Monforte debe ser unha cidade allea a este tipo de comportamentos.
O BNG pon tamén o foco na presenza crecente destes discursos entre as xeracións máis novas, un fenómeno que consideran motivo de preocupación. Segundo Luaces, ridiculizar ou estigmatizar determinados colectivos contribúe a xerar un contexto propicio para que despois se produzan agresións coma a denunciada.
A formación defende a importancia de reforzar a educación afectivo-sexual dende idades temperás, así como de impulsar campañas de sensibilización e políticas públicas orientadas a protexer a diversidade, xunto cunha resposta social contundente ante calquera manifestación de LGTBIfobia.
Luaces insiste en que os dereitos acadados polo colectivo LGTBIQ+ non deben poñerse en cuestión, apostando por seguir avanzando en liberdade, igualdade e dereitos.