O BNG de Monforte reclama información sobre o proxecto da futura planta farmacéutica no Polígono do Reboredo

RibeiraSacraXa
A formación nacionalista expresa a súa preocupación pola falta de avances coñecidos e pide ao Concello e ás administracións implicadas que aclaren a situación da futura planta farmacéutica
Emilio-Sánchez-BNG-Monforte
19 Aug 2026

O BNG de Monforte amosa a súa preocupación pola falta de avances coñecidos no proxecto de Kern Pharma para a construción dunha planta farmacéutica no Polígono Industrial do Reboredo e reclama información sobre o estado actual da iniciativa.

A proposta foi presentada no ano 2022 como unha importante aposta industrial para Monforte, cun investimento millonario e a previsión de crear arredor dun cento de postos de traballo. Porén, máis de catro anos despois, a fábrica aínda non se materializou.

A formación nacionalista considera especialmente preocupante a falta de información sobre a situación actual do proxecto e reclama transparencia tanto ao Concello como ás diferentes administracións implicadas. O BNG lembra que a empresa solicitou a comezos deste ano unha nova prórroga para iniciar as obras e considera necesario coñecer publicamente en que punto se atopa actualmente a iniciativa.

O concelleiro do BNG Emilio J. Sánchez sinala que “todo apunta a que podemos estar diante doutra promesa incumprida para Monforte. Durante anos vendeuse este proxecto como unha das grandes oportunidades industriais para a cidade e, a día de hoxe, seguimos sen ver a fábrica nin os postos de traballo anunciados”.

Sánchez considera que “sería unha pésima noticia que finalmente Kern Pharma non desenvolvese este proxecto en Monforte, porque a nosa cidade e toda a comarca necesitan emprego estable, industria e oportunidades que permitan fixar poboación”.

Desde o BNG puntualizan que a súa intención non é buscar responsabilidades antes de coñecer todos os datos, senón reclamar explicacións e certezas despois de anos de anuncios e atrasos.

“Monforte non pode vivir permanentemente de anuncios de grandes investimentos que pasan os anos sen materializarse. Necesitamos unha política industrial seria e proxectos que rematen converténdose en emprego real”, afirma Emilio J. Sánchez.

A formación nacionalista anuncia que reclamará información sobre a situación administrativa do proxecto e sobre os contactos mantidos coa empresa para saber se Kern Pharma mantén o compromiso de instalar a planta no Polígono do Reboredo.

“Agardamos que o proxecto aínda poida saír adiante, porque sería positivo para Monforte. Pero despois de máis de catro anos é lóxico que exista preocupación. O que non queremos é que unha iniciativa anunciada a bombo e prato remate converténdose noutra promesa incumprida”, conclúe Sánchez.

0.1220760345459