O BNG de Monforte propón comprar o antigo Sanatorio Raíces para destinalo á creación de vivendas públicas

RibeiraSacraXa
Explican que o inmoble presenta unhas condicións que permitirían a súa reconversión en aproximadamente unha vintena de vivendas tras unha intervención de rehabilitación
casa-concello-monforte
18 Jun 2026

O BNG de Monforte levará ao próximo pleno unha proposta para impulsar a compra e rehabilitación do antigo Sanatorio Raíces coa finalidade de destinalo á creación de vivenda pública no municipio. A iniciativa enmárcase na necesidade de ampliar a oferta residencial e facilitar o acceso á vivenda, especialmente entre a mocidade e as familias con menos recursos.

O vocero nacionalista, Manuel Luaces, expón que o Concello debería abrir un proceso de contacto coa propiedade do inmoble para analizar as condicións dunha posible adquisición. A partir de aí, a proposta contempla a busca de colaboración con outras administracións, como a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), e tamén coa Administración central, co obxectivo de facer viable a súa rehabilitación e posterior posta en uso como parque público de vivenda.

O inmoble, segundo o exposto pola organización, presenta unhas condicións que permitirían a súa reconversión en vivendas tras unha intervención de rehabilitación, cunha capacidade estimada de arredor dunha vintena de pisos. Ademais, considérase que a súa localización, próxima a servizos educativos e sanitarios, engade atractivo á proposta.

A iniciativa tamén pon o foco na recuperación de edificios existentes fronte á nova construción, ao entender que este tipo de actuacións poden reducir custos e prazos, ao tempo que contribúen á posta en valor de inmobles xa existentes no tecido urbano.

Desde o BNG subliñan a importancia da coordinación entre administracións para facer viable o proxecto e incorpórase a idea de que a vivenda pública debe funcionar como unha ferramenta para favorecer a fixación de poboación e facilitar a emancipación da mocidade en Monforte.

0.12414789199829