O BNG de Monforte pide reparar as deficiencias da Praza da Estación e instalar cargadores para vehículos eléctricos

O BNG de Monforte defenderá no pleno ordinario do mes de xullo dous rogos cos que pretende mellorar os espazos públicos do municipio e impulsar medidas de mobilidade sostible.
A primeira iniciativa reclama ao Goberno local que esixa á empresa adxudicataria das obras da Praza da Estación a reparación das deficiencias e a finalización de todos os remates pendentes antes da recepción definitiva da actuación. Os nacionalistas consideran que unha obra deste alcance non debe darse por concluída mentres existan acabados deficientes ou elementos sen executar.
Segundo o BNG, a remodelación da praza supuxo un importante investimento económico, polo que o Concello debe garantir o cumprimento íntegro do contrato e velar polo correcto emprego dos recursos públicos.
O segundo rogo propón a instalación de puntos públicos de recarga para vehículos eléctricos no Parque dos Condes. A formación considera que este espazo reúne condicións favorables pola súa localización céntrica, a dispoñibilidade de prazas de estacionamento e a proximidade aos principais servizos e zonas comerciais da cidade.
O Bloque destaca que o parque móbil eléctrico continúa aumentando e defende que Monforte debe adaptarse a esta realidade cunha rede pública de recarga. Ademais, sinala que este tipo de infraestruturas tamén contribuiría a mellorar a atención aos visitantes que recibe a Ribeira Sacra e reforzaría a imaxe dunha cidade comprometida coa sustentabilidade.
Os nacionalistas lembran tamén que existen liñas de financiamento doutras administracións e da Unión Europea que poderían sufragar boa parte, ou mesmo a totalidade, do investimento necesario para executar esta actuación. Con estas propostas, o BNG asegura que busca contribuír á mellora dos servizos municipais e á preparación de Monforte para os retos futuros.