O BNG de Monforte pedirá revisar o trazado da senda peonil fluvial e o estado do arborado de gran tamaño xunto ao Cabe

O BNG de Monforte mantivo diversos contactos con veciños afectados polo proxecto de restauración ambiental e creación dunha senda peonil nas marxes dos regatos das Malloadas, A Penela e Zapardiel, iniciativa que neste momento se atopa en fase de exposición pública por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Segundo explica a formación nacionalista, os encontros mantidos con persoas directamente afectadas polas obras permitíronlle coñecer as súas inquedanzas de primeira man e contrastalas co contido técnico do proxecto.
Desde o BNG valoran de xeito positivo tanto a recuperación ambiental destes espazos coma a construción dun itinerario peonil, aínda que consideran que o documento debería revisarse naqueles tramos onde xera un impacto notable sobre vivendas, edificacións e terreos de titularidade privada, sobre todo cando existen opcións alternativas que reducirían ese efecto.
En consecuencia, o partido anunciou que presentará alegacións ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, nas que exporá as cuestións detectadas xunto á cidadanía e pedirá que se valoren solucións distintas nos puntos onde o proxecto resulta máis conflitivo.
O voceiro municipal do BNG, Emilio J. Sánchez, sinalou que comparten o obxectivo de recuperar os cursos de auga e xerar novos espazos de uso público, aínda que remarcou que precisamente por iso defenden que a actuación se execute correctamente, escoitando aos veciños e limitando ao máximo as afeccións cando existan alternativas viables.
Proposta sobre o arborado do Cabe
Paralelamente, o BNG levará ao próximo Pleno municipal unha proposta para solicitar unha revisión preventiva do estado das árbores de gran tamaño situadas nas marxes do río Cabe, con especial atención aos tramos próximos a paseos peonís e outras zonas de paso habitual.
A formación considera oportuno comprobar a situación destes exemplares para identificar aqueles que poidan supoñer un risco de caída, de xeito que se poida actuar con carácter preventivo cando os informes técnicos correspondentes así o aconsellen, procurando en todo momento manter o arborado que se atope en bo estado.
O BNG lembra que a finais de xaneiro deste ano un temporal ocasionou a caída dunha árbore de grandes dimensións sobre a pasarela da Pinguela, provocando danos significativos nas barandas, que tiveron que ser reparadas posteriormente polo Concello.
Sánchez indicou que ao longo do Cabe hai exemplares de gran porte, algúns situados moi preto de zonas de tránsito peonil, e precisou que a proposta non busca cortar árbores de xeito indiscriminado, senón someterlas a revisión, facer un seguimento do seu estado e actuar conforme a criterios técnicos antes de que se produza un posible accidente.
O BNG destaca en particular a necesidade de vixiar a contorna da Pinguela e o paseo situado detrás do Multiusos, ademais doutros tramos das marxes do Cabe onde poida haber exemplares que, polo seu tamaño, inclinación ou estado, requiran unha valoración técnica.
O voceiro concluíu afirmando que protexer e coidar o arborado implica tamén facerlle seguimento e anticiparse a posibles problemas, polo que reclamou que o Concello e os organismos competentes coordinen unha revisión rigurosa das marxes do Cabe e adopten as medidas oportunas alí onde se detecte un risco real.