O BNG de Monforte non acudirá ao pleno extraordinario pola súa oposición á concesión de títulos nobiliarios

RibeiraSacraXa
Reiteran o seu compromiso coa igualdade e a xustiza social, e chaman a todas as forzas políticas a reflexionar sobre a pertinencia de honras
BNG-Monforte
BNG-Monforte
27 Xuño 2024

O BNG de Monforte anuncia que os seus dous concelleiros non asistirán ao pleno extraordinario do Concello convocado para o día de hoxe, 27 de xuño.

A decisión fundaméntase na firme oposición do BNG á concesión de títulos nobiliarios, os cales consideran "anacrónicos e contraproducentes para a creación dunha sociedade máis igualitaria, xusta e baseada non mérito individual. En ningún caso apoiaremos a honra a unha persoa polo simple feito de pertencer a unha determinada familia".

Así, din que "estamos profundamente comprometidos coa creación dunha sociedade onde o mérito individual sexa o principal criterio de recoñecemento e non os privilexios herdados", declarou Manuel Luaces, concelleiro do BNG.

Emilio Sánchez, tamén concelleiro do BNG, engadiu: "A nosa ausencia no pleno é unha declaración de principios contra prácticas que perpetúan a desigualdade e a inxustiza social".

O BNG de Monforte de Lemos reitera o seu compromiso coa igualdade e a xustiza social, e chama a todas as forzas políticas a reflexionar sobre a pertinencia de honras que non contribúen a unha sociedade máis equitativa e baseada no mérito individual.

0.16840100288391