O BNG de Monforte lamenta a suspensión do Torneo do Cuadrado de Voleibol

RibeiraSacraXa
A formación nacionalista considera que as obras no emprazamento habitual da competición provocaron a perda dun evento que cualifica de referente deportivo, social e económico para a cidade
voleibol-xenerica-recurso
25 Jul 2026

O BNG de Monforte expresou o seu pesar pola suspensión da XVII edición do Torneo do Cuadrado de Voleibol, unha cita que durante dezaseis anos reuniu a deportistas e público no centro da cidade e que este verán non poderá celebrarse. A formación atribúe esta situación ás actuacións realizadas polo Concello no espazo onde tradicionalmente se desenvolvía o torneo.

Os nacionalistas consideran que a desaparición desta competición supón “unha perda para toda a cidade”, ao entender que se trataba dun evento que ía máis alá do ámbito deportivo e que formaba parte da identidade de Monforte.

O responsable local do BNG, Manuel Luaces, asegurou que “o Torneo do Cuadrado era moito máis ca unha competición deportiva. Era unha desas tradicións inseparables do verán monfortino, unha semana de tardes e noites compartidas, de deporte, convivencia e reencontros que xa forman parte da memoria de varias xeracións de monfortinos e monfortinas”.

Luaces sostén que a suspensión non responde á falta de vontade do Club Korbis para organizar o torneo, senón ás decisións adoptadas polo Concello. Neste sentido, afirmou que “é moi triste comprobar como unha obra que custou case 700.000 euros, que eliminou arborado e espazos verdes e que nunca foi unha prioridade para a veciñanza, acabe levando por diante un evento que daba vida ao centro da cidade e dinamizaba o comercio e a hostalaría local”.

O BNG lembra que durante a tramitación do proxecto xa advertira das consecuencias que podía ter, ao considerar que respondía a un modelo urbanístico baseado na eliminación de zonas verdes e na construción de infraestruturas “sen atender ás necesidades reais da veciñanza nin ao impacto que poden ter sobre actividades consolidadas”.

Na mesma liña, Manuel Luaces defendeu que “mentres outras cidades apostan por conservar e potenciar aqueles eventos que lles dan personalidade e fortalecen a súa economía local, en Monforte pérdense por decisións políticas que ninguén reclamaba. Gobernar tamén é saber establecer prioridades, e esta actuación demostra que o actual goberno escolleu un modelo de cidade que non compartimos”.

A formación nacionalista trasladou tamén o seu recoñecemento ao Club Korbis e ás persoas que fixeron posible o torneo ao longo das súas dezaseis edicións. “Queremos agradecerlles o enorme esforzo, a dedicación e a ilusión que puxeron durante dezaseis edicións. Grazas ao seu traballo conseguiron crear un evento que xa era patrimonio emocional de Monforte e un referente do deporte de base. Agardamos sinceramente que esta sexa só unha pausa e que o Torneo do Cuadrado volva ocupar o lugar que merece no noso verán”, manifestou Luaces.

O responsable local do BNG concluíu asegurando que “unha cidade non se constrúe só con obras. Constrúese coas persoas, co deporte, coa cultura e cos espazos que favorecen a convivencia. Cando unha decisión política provoca que Monforte perda unha parte da súa identidade, é evidente que se escolleu o camiño equivocado”.

0.12362098693848