O BNG de Monforte denuncia que se ignoraron as advertencias sobre o perigo das árbores nas marxes do Cabe

RibeiraSacraXa
Manuel Luaces lamenta que «tivese que caer unha gran póla sobre unha instalación utilizada pola veciñanza para demostrar que as nosas advertencias estaban fundamentadas»
rio-cabe-chms
18 Oct 2026

O BNG de Monforte denuncia a falta de actuación do Goberno municipal ante o estado de numerosas árbores situadas nas marxes do río Cabe, despois de que unha gran póla dun chopo caese esta noite sobre o embarcadoiro do Parque dos Condes e provocase danos na súa estrutura.

A formación nacionalista lembra que xa advertira do risco no pleno municipal do pasado 25 de setembro, cando presentou un rogo para solicitar o saneamento das árbores que estaban a piques de caer ou que xa caeran no paseo do río. Segundo o BNG, o equipo de goberno restou importancia ás advertencias e non adoptou as medidas necesarias para evitar situacións como a acontecida.

Manuel Luaces, concelleiro do BNG en Monforte, lamenta que «tivese que caer unha gran póla sobre unha instalación utilizada pola veciñanza para demostrar que as nosas advertencias estaban fundamentadas». O edil considera especialmente preocupante que o incidente puidese provocar danos persoais e non unicamente materiais.

Luaces critica a actuación do Goberno municipal por non responder ao que cualifica como unha situación de risco evidente. «Advertimos dunha situación de risco evidente e, en lugar de actuar con responsabilidade, o equipo de goberno optou por restarlle importancia. Non se pode gobernar ignorando os problemas que se trasladan desde a oposición, especialmente cando está en xogo a seguridade das persoas», afirma.

Desde o BNG insisten en que non se trata dun caso illado e sinalan que existen outras árbores na contorna do río cuxo estado require unha revisión técnica. A formación nacionalista aclara que non reclama a tala indiscriminada de exemplares, senón o coidado do patrimonio natural mediante as podas e os traballos de mantemento necesarios, así como a intervención naquelas árbores que presenten un risco real.

«Non estamos pedindo que se talen indiscriminadamente as árbores, senón que se coide o noso patrimonio natural, se realicen as podas e os traballos de mantemento necesarios e se actúe sobre aqueles exemplares que presenten un risco real», explica Luaces.

Por este motivo, o BNG reclama ao Goberno municipal unha inspección urxente do arborado das marxes do Cabe, a intervención sobre os exemplares que poidan representar un perigo e a reparación dos danos ocasionados no embarcadoiro do Parque dos Condes.

«Agardamos que desta volta o Goberno municipal tome en serio as advertencias. A seguridade da veciñanza debe estar por riba da soberbia política. Non podemos esperar a que aconteza unha desgraza para actuar», conclúe Manuel Luaces.

0.16021108627319