O BNG de Monforte de Lemos pide priorizar os bancos con oficina e atención presencial na cidade

RibeiraSacraXa
A formación nacionalista propón que os fondos municipais se xestionen preferentemente con entidades que manteñan atención directa á veciñanza, pensando sobre todo nas persoas maiores e con menos medios dixitais
Emilio Sánchez BNG Monforte (redimensionado)
Imaxe de arquivo
22 Oct 2026

O BNG de Monforte de Lemos rexistrou unha moción de cara ao vindeiro Pleno municipal na que reclama priorizar ás entidades bancarias que conten con oficinas abertas ao público e ofrezan unha atención presencial real na cidade.

Dende a formación nacionalista considérase que o peche progresivo de sucursais e o avance dos servizos dixitais en substitución do trato persoal está a xerar problemas, sobre todo entre as persoas maiores, as persoas con discapacidade e aquelas que non contan cos coñecementos ou medios tecnolóxicos necesarios para operar por vía telemática.

O concelleiro do BNG, Emilio J. Sánchez Iglesias, sinalou que non se pode aceptar que alguén teña problemas para acceder ao seu propio diñeiro ou resolver unha xestión bancaria polo simple feito de non manexar unha aplicación móbil.

O edil nacionalista lembrou que Monforte ten unha poboación envellecida e actúa como referencia de servizos para toda a comarca, motivo polo que considera necesario defender a atención en persoa e evitar que a dixitalización termine convertíndose nunha nova vía de exclusión para parte da veciñanza.

Sánchez Iglesias engadiu que as entidades bancarias levan décadas obtendo beneficio da súa actividade cos veciños, polo que, ao seu xuízo, o mínimo esixible é que manteñan un servizo digno e próximo, en particular para quen máis o necesita.

Dende o BNG defenden que as administracións públicas tamén poden influír nas decisións da banca a través da xestión dos seus propios recursos económicos. Neste sentido, o concelleiro formulou que, se o Concello traballa con entidades bancarias e deposita nelas fondos públicos, sería coherente dar prioridade ás que manteñen oficina e servizo na localidade.

A proposta que se levará ao Pleno formula fixar como criterio xeral que as operacións bancarias habituais do Concello se realicen de forma preferente con entidades que garantan atención presencial en Monforte, sempre dentro do que permite a normativa vixente.

O BNG tamén quixo matizar que o seu plantexamento non busca opoñerse ao avance tecnolóxico, senón asegurar que este non deixe a ninguén atrás. Segundo concluíu Sánchez Iglesias, a dixitalización debería facilitar a vida das persoas e non obrigalas a depender de terceiros para xestionar o seu diñeiro, de xeito que os servizos bancarios presenciais deben seguir considerándose esenciais para a veciñanza.

A moción do BNG será sometida a debate e votación no vindeiro Pleno municipal.

1.049211025238