O BNG de Monforte cuestiona a nova fonte do Parque dos Condes por non ter en conta a situación de escaseza de auga

RibeiraSacraXa
Critican o investimento de preto de 700.000 euros na infraestrutura ornamental mentres se recomendan medidas de aforro e se rexistran cortes de subministración en parroquias
fonte-monforte
10 Aug 2026

O BNG de Monforte cuestiona a construción e posta en funcionamento da nova fonte ornamental do Parque dos Condes, cun custo próximo aos 700.000 euros, ao considerar que a actuación non responde á realidade climática actual. A crítica prodúcese nun contexto de prealerta por escaseza de auga e coincidindo con cortes de subministración que, segundo a formación, se están a producir en diferentes parroquias do municipio.

A fonte acaba de rematarse e comezou a funcionar practicamente ao mesmo tempo que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil recomendou aos concellos adoptar medidas para reducir o consumo de auga, entre elas limitar o funcionamento das fontes ornamentais. A situación de escaseza afecta tamén ao sistema do Cabe.

O concelleiro do BNG Emilio J. Sánchez cuestiona a decisión de realizar este investimento neste contexto e considera que o debate supera a situación puntual de prealerta e sinala que as secas, as vagas de calor e as temperaturas extremas son cada vez máis frecuentes e defende que estes factores deben ser considerados na planificación das cidades e na decisión sobre o destino dos recursos públicos.

Ademais, os nacionalistas alertan dunha cantidade inusual de cortes de subministración de auga en distintas parroquias de Monforte durante estes días, unha circunstancia que, din, require explicacións por parte do goberno municipal. “Mentres hai veciñas e veciños do rural que están sufrindo cortes de auga nas súas casas, temos funcionando no centro da cidade unha fonte ornamental destas dimensións. Evidentemente son cuestións diferentes e non afirmamos que unha cousa provoque a outra, pero a contradición en termos de prioridades e de modelo de xestión da auga é difícil de explicar”, sinala Emilio J. Sánchez.

A formación tamén chama a atención sobre o consumo asociado á infraestrutura, e sinalan que aínda que a fonte funcione mediante un sistema de recirculación, este tipo de instalacións pode implicar perdas de auga por evaporación e polo propio funcionamento, ademais de consumo eléctrico e gastos de tratamento, limpeza e mantemento.

Segundo a formación nacionalista, trátase de custos que se manterán ao longo dos anos, máis alá do investimento inicial realizado para construír a fonte. Fronte a este modelo, o BNG defende que Monforte debería prepararse para afrontar temperaturas cada vez máis elevadas mediante o incremento do arborado, das zonas de sombra, dos refuxios climáticos e dos espazos verdes. Tamén reclama mellorar e garantir as infraestruturas básicas de abastecemento de auga tanto no núcleo urbano como nas parroquias. “Resulta especialmente contraditorio que para construír esta fonte se transformase unha zona do Parque dos Condes que contaba precisamente con árbores e sombra. Fronte á crise climática necesitamos máis verde, máis sombra, mellores servizos públicos e un uso responsable dos recursos, non actuacións que camiñen na dirección contraria”, asegura o concelleiro.

Os nacionalistas consideran que o actual episodio de escaseza debería servir para revisar as prioridades municipais e integrar a sustentabilidade e a adaptación ao cambio climático no conxunto das políticas do Concello “Cada obra que facemos hoxe condicionará Monforte durante décadas. A sustentabilidade non pode ser un lema que se utiliza cando convén, ten que formar parte de cada decisión e de cada euro público que se inviste. E garantir que a veciñanza teña auga nas súas casas debe estar sempre por diante de calquera uso ornamental”, conclúe Emilio J. Sánchez.

0.12037301063538