O BNG de Monforte aposta pola convivencia e rexeita utilizar a inmigración como elemento de confrontación política

O BNG de Monforte de Lemos anuncia que non participará na convocatoria promovida pola presidenta da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en relación coa situación de Ceuta, ao considerar que se trata dunha iniciativa unilateral que contribúe a introducir este asunto no debate político desde unha perspectiva de confrontación.
O responsable local do BNG, Manuel Luaces, considera que os concellos teñen un papel especialmente importante á hora de favorecer a convivencia entre a veciñanza e evitar discursos que sinalen as persoas pola súa procedencia.
"En Monforte convivimos cada día con persoas de diferentes procedencias que forman parte da nosa veciñanza e contribúen á vida da cidade", afirma Luaces, que destaca os cambios experimentados polo municipio nos últimos anos.
"Hoxe compartimos barrios, centros educativos, lugares de traballo, comercios e espazos públicos con veciños e veciñas que chegaron doutros países. Son parte de Monforte e da nosa sociedade, e non podemos permitir que se estenda un discurso que converta estas persoas nun problema ou nunha ameaza", sinala.
Desde o BNG consideran especialmente preocupante que determinadas formacións políticas estean incorporando con maior normalidade discursos que vinculan a inmigración coa inseguridade ou co deterioro dos servizos públicos.
Neste sentido, Luaces defende que os problemas sociais deben abordarse reclamando políticas e recursos públicos. "Se temos dificultades no acceso á vivenda, se faltan profesionais na sanidade ou se existen problemas nos servizos públicos, hai que reclamar políticas e recursos para solucionalos. O que non podemos facer é buscar como culpables os que menos teñen", afirma.
A memoria emigrante de Galicia
A formación nacionalista tamén reivindica a propia historia emigrante de Galicia e da comarca de Lemos como un motivo para promover unha sociedade máis aberta e solidaria.
"Poucas familias desta terra son alleas á emigración. Temos familiares que marcharon a Suíza, Francia, Alemaña, Catalunya ou América buscando unha vida mellor. Esa memoria debería facernos especialmente sensibles con quen hoxe chega aquí buscando exactamente o mesmo", apunta Luaces.
O BNG aposta así por que Monforte continúe sendo unha cidade acolledora e por que as diferentes administracións traballen para favorecer a integración, a convivencia e a igualdade de dereitos e deberes entre toda a veciñanza.
"Queremos un Monforte no que ninguén sexa menos veciño pola súa orixe, pola súa cor de pel ou polo lugar no que naceu. Fronte ao odio e á confrontación, convivencia, dereitos e solidariedade", conclúe Manuel Luaces.