O BNG de Monforte anuncia que explorará novas vías para impulsar vivenda pública tras o rexeitamento do proxecto do edificio Raíces

O BNG de Monforte anunciou que explorará todas as vías posibles para facer realidade a creación de vivenda pública accesible para rendas medias e baixas no municipio, tras o rexeitamento do equipo de goberno á proposta de adquisición do antigo edificio Raíces.
A formación nacionalista lamenta profundamente esta decisión, ao considerar que se desaproveita unha oportunidade “dificilmente repetible” para ampliar o parque público de vivenda na cidade.
Segundo explica o BNG, o inmoble reúne condicións que cualifican de excepcionais tanto polo seu estado estrutural como pola súa localización e polo prezo ao que, segundo sinalan, os propietarios estarían dispostos a vendelo. Neste sentido, defenden que se trata dunha oportunidade única para desenvolver un proxecto que permitiría a creación de arredor de vinte vivendas públicas cun investimento inferior ao dunha obra de nova construción.
A pesar do voto en contra do equipo de goberno, o BNG asegura que non renuncia á iniciativa. Ao contrario, afirma que intensificará o seu traballo para buscar outras vías e administracións que poidan facer posible a adquisición do edificio e a súa posterior rehabilitación para destinalo a vivenda pública.
A formación considera que o acceso á vivenda constitúe un dos principais retos actuais de Monforte, especialmente pola dificultade da mocidade para emanciparse e pola escaseza de oferta accesible.
Neste contexto, o BNG insiste en que continuará defendendo un modelo no que a vivenda pública funcione como ferramenta para garantir o dereito a unha vivenda digna e ofrecer alternativas reais ás persoas con máis dificultades de acceso a un fogar. Reitera ademais que non abandonará esta proposta, ao considerala estratéxica para o futuro do municipio e para o uso social do edificio Raíces.