O BNG de Monforte anuncia novas accións para tentar frear o proxecto da ponte sobre o río Cabe

RibeiraSacraXa
A formación nacionalista estudará vías legais e unha posible consulta cidadá e busca coordinarse con outros grupos da oposición e coa plataforma Salvemos o Malecón
proxecto-ponte-malecon-monforte
Proxecto da futura ponte do Malecón de Monforte
7 Aug 2026

O BNG de Monforte de Lemos anuncia unha nova fase na súa oposición ao proxecto da nova ponte sobre o río Cabe e avanza que intensificará as actuacións para tratar de impedir a construción da infraestrutura, que considera innecesaria e prexudicial para a contorna do Paseo do Malecón.

O responsable local da formación, Manuel Luaces, sinala que o partido empregará “todas as ferramentas legais, políticas e sociais ao noso alcance” para tentar paralizar unha actuación que, ao seu xuízo, podería modificar de maneira irreversible un dos espazos máis representativos da cidade.

Entre as primeiras medidas estará a análise das diferentes vías xurídicas que poidan permitir frear a tramitación do proxecto. O BNG asegura que continuará examinando os instrumentos legais dispoñibles para defender o Paseo do Malecón.

A formación tamén prepara unha campaña informativa destinada á cidadanía, coa intención de explicar as características da actuación e o impacto que considera que terá sobre o espazo. Neste sentido, critica as infografías difundidas polo Concello, que considera que ofrecen unha visión incompleta das consecuencias da nova ponte.

“A veciñanza merece coñecer toda a verdade. Non se pode tomar unha decisión destas dimensións ocultando información ou ofrecendo unha versión parcial do proxecto. Monforte merece un debate transparente, con todos os datos enriba da mesa”, afirma Luaces.

No ámbito municipal, o grupo nacionalista estudará novas iniciativas para promover o debate sobre a infraestrutura, entre elas a posibilidade de solicitar unha consulta cidadá. O obxectivo sería que a veciñanza puidese pronunciarse sobre unha actuación que, segundo o BNG, terá efectos a longo prazo sobre a cidade.

O partido tamén pretende establecer contactos con outras formacións da oposición, entre elas o PP e Esperta Monforte, para analizar posibles actuacións conxuntas. Entre as alternativas que se poñerán sobre a mesa figura igualmente a convocatoria dunha mobilización cidadá.

O BNG sitúa a plataforma Salvemos o Malecón como o principal referente do movemento veciñal contrario ao proxecto e asegura que continuará colaborando co colectivo e apoiando as iniciativas que impulse.

“Salvemos o Malecón representa a voz da cidadanía neste conflito e debe seguir levando a iniciativa. O papel dos partidos políticos é apoiar, sumar e poñer todos os recursos ao servizo dun movemento veciñal que está defendendo un patrimonio que é de todas e de todos”, sostén o responsable local do BNG.

Luaces fai finalmente un chamamento á unidade entre colectivos sociais e formacións políticas para reforzar a oposición ao proxecto. “Neste asunto non debería haber siglas por diante de Monforte”, afirma, defendendo que a mobilización e a información á cidadanía deben ocupar un papel central no debate sobre o futuro do Malecón.

0.13048100471497