O BNG de Monforte alerta do discurso de extrema dereita centrado en menores migrantes de cara ás municipais

O BNG de Monforte de Lemos manifestou a súa preocupación polo anuncio de que Vox presentará candidatura nas vindeiras eleccións municipais, prestando especial atención ao tipo de discurso co que a formación de extrema dereita pretende entrar na política local.
Segundo os nacionalistas, resulta chamativo que un dos primeiros asuntos que Vox coloca no centro da súa campaña sexa, de novo, a presenza de menores migrantes na cidade. Desde o BNG interpretan esta estratexia como unha fórmula xa coñecida, que consiste en xerar temor e buscar colectivos vulnerábeis aos que atribuír problemas que non teñen relación con eles.
O responsábel local da formación, Manuel Luaces, mostrouse moi crítico con este enfoque. Afirmou que, aínda que aseguran chegar a Monforte "a gañar", o que realmente transmiten é odio, medo e confrontación, sen achegar solucións aos problemas reais da cidade, polo que optan por sinalar a persoas en función da súa procedencia.
O dirixente nacionalista cualificou de especialmente irresponsábel que se volva poñer o foco sobre os menores, lembrando que se trata de rapaces baixo a protección das administracións públicas. Utilizalos con fins electorais ou vincular inmigración e inseguridade supón, ao seu xuízo, unha grave irresponsabilidade.
O antecedente do ataque ao Malvarón
Desde o BNG subliñan que este tipo de mensaxes non poden valorarse sen ter en conta o sucedido hai case un ano no edificio do Malvarón, destinado á acollida de menores migrantes, que foi atacado durante a madrugada con cócteles molotov.
O suceso causou importantes danos materiais e investigouse como posíbel delito de odio. Naquel momento informouse de que a Policía manexaba varias liñas de investigación e buscaba a persoas da contorna de Monforte como posíbeis responsábeis.
Luaces sinalou que, case un ano despois, resulta preocupante non ter constancia pública de que se identificase e puxese a disposición xudicial aos autores dun ataque desta gravidade, tratándose do lanzamento de artefactos incendiarios contra un edificio. Reclamou que se coñeza o sucedido e que a investigación chegue á súa conclusión.
Para o representante do BNG, aquel episodio debería servir para extremar a responsabilidade no debate público, xa que as palabras teñen consecuencias, e sinalar durante semanas a un colectivo ou presentar a chegada de menores como unha ameaza xera un contexto especialmente perigoso.
Os nacionalistas lembran tamén que, poucos días despois daquel ataque, Vox celebrou un acto diante do propio edificio do Malvarón, e que os seus representantes non chegaron a condenar de forma expresa o suceso cando foron preguntados polos medios. Por iso, consideran preocupante que agora, un ano máis tarde, se volva recorrer ao mesmo asunto en clave electoral, insistindo en que a convivencia non debe empregarse para obter votos.
"Os problemas de Monforte son outros"
O BNG contrapón este discurso ás cuestións que considera prioritarias para o municipio: a perda de poboación, as dificultades da mocidade para desenvolver un proxecto de vida, a situación da sanidade pública, o acceso á vivenda, o apoio ao comercio local, a creación de emprego e a mellora dos servizos públicos.
Luaces sostivo que hai moito do que falar e moito polo que traballar en Monforte, e que se a primeira proposta dunha candidatura consiste en buscar a quen sinalar, iso xa deixa clara a súa orientación.
Os nacionalistas fixeron ademais un chamamento á responsabilidade colectiva fronte á expansión destes discursos, defendendo que combater a extrema dereita esixe non asumir os seus plantexamentos nin converter cada provocación nun feito político de primeira orde, evitando así que o odio se normalice no debate público.
Luaces concluíu afirmando que o BNG fará unha política centrada nos barrios, os servizos públicos, a economía e o futuro da cidadanía, defendendo un municipio aberto, solidario e orgulloso da súa diversidade fronte aos que, segundo a súa valoración, buscan dividir.