O BNG celebrou unhas xornadas sobre medio rural na Pobra do Brollón

RibeiraSacraXa
Desde a organización nacionalista destacan que estas xornadas pretenden amosar o apoio aos sectores produtivos e defender un modelo baseado na recuperación da actividade no rural
xornada-bng-a-pobra-do-brollon
23 Apr 2026

O BNG desenvolveu na mañá deste xoves unhas xornadas de traballo sobre o medio rural na Pobra do Brollón, incluídas na súa liña de formación interna que a organización mantén desde hai anos co obxectivo de “non perder o contacto co territorio nin o pulso da vida cotiá”, tanto no ámbito social como nos sectores produtivos.

A xornada contou cun programa centrado na análise da situación actual do rural galego. Entre os contidos, presentouse desde a Área de Medio Rural da Deputación de Lugo o programa “O que non arde”, no que se explicou o seu deseño, aplicación e resultados.

Posteriormente, celebrouse unha mesa redonda sobre as problemáticas actuais dos sectores primario e secundario en Galicia e as políticas activas en marcha. Abordáronse cuestións como a xestión do territorio e das explotacións gandeiras e forestais, o papel da Xunta neste ámbito, a situación da finca do AGACAL na Pobra do Brollón e a política de medio rural tras os incendios forestais, poñendo o foco na realidade actual do territorio.

A programación completouse cunha visita a unha explotación de vacas cachenas na Ferreirúa, onde os participantes puideron coñecer iniciativas produtivas e modelos de traballo sustentables no rural.

No encontro participaron representantes institucionais e orgánicos do BNG, como o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, e o tenente de alcalde de Quiroga, Xosé Manuel Fernández, así como deputadas e deputados do Parlamento galego por Lugo, entre eles Iago Suárez e Montserrat Valcárcel. Tamén asistiron representantes doutros territorios, como Sonia Vidal e Ariadna Fernández, xunto coa Área de Medio Rural da Deputación de Lugo, responsables locais e persoas vinculadas ao sector.

Desde a organización nacionalista destacaron que estas xornadas pretenden amosar o apoio aos sectores produtivos e defender un modelo baseado na recuperación da actividade no rural. En palabras de Rosana Prieto, responsable da formación nas comarcas do sur de Lugo, trátase de “visibilizar que no BNG temos un modelo de apoio e recuperación de actividade nos sectores primario e secundario, que inclúe un reforzo do comercio local e da economía circular e de proximidade”.

Durante a visita á explotación gandeira tamén se abordaron problemas como o aumento da burocracia, o despoboamento e as dificultades que atravesa o sector na provincia de Lugo. Outro dos aspectos sinalados foi a falta de industria de transformación, que, segundo os participantes, limitaría a creación de valor engadido, o asentamento de poboación e o mantemento do territorio.

Como conclusión, desde o BNG advertiron de que o actual modelo da Xunta “propicia máis abandono territorial e humano e menos sectores produtivos”, sinalando que “só hai ocorrencias, non hai proxecto de país”, o que estaría a contribuír ao deterioro de iniciativas públicas como a finca do AGACAL na Pobra do Brollón, descrita polo alcalde como nun estado “máis ca lamentable”.

0.10315895080566