O barrio dos Chaos recuperará a súa propia festa de San Xoán con dúas xornadas de actividades culturais e veciñais

RibeiraSacraXa
A iniciativa xorde dun grupo de veciños e veciñas que decidiron retomar esta tradición, contando coa colaboración do Colectivo Vermut
san-xoan-os-chaos
18 Jun 2026

Os vindeiros 23 e 24 de xuño, o barrio monfortino dos Chaos volverá celebrar a tradicional festa de San Xoán, recuperando unha cita que durante décadas formou parte da identidade colectiva da veciñanza e que nos últimos anos deixara de celebrarse pola falta de persoas encargadas da súa organización.

A iniciativa xorde dun grupo de veciños e veciñas que decidiron retomar esta tradición, contando coa colaboración do Colectivo Vermut e co apoio de diferentes entidades e administracións. O programa combinará música, gastronomía, actividades infantís e propostas de convivencia abertas a toda a cidadanía.

A programación comezará o martes 23 de xuño coa animación da Charanga Bergium, un obradoiro infantil, unha sardiñada popular, a sesión musical de Albanta DJ, a tradicional misa e o reparto de roscas, ademais da actuación do grupo Polanko.

O mércores 24, día de San Xoán, a xornada iniciarase coa presenza de gaiteiros e actividades para a cativada. Ao longo do día haberá sesión vermú con Albanta DJ, a actuación de Segunda Parte, xantar popular, unha actividade sorpresa organizada polo Colectivo Vermut, sesión de Nacho Morales DJ e o peche musical a cargo de CoolFlanders.

Desde a organización destacan que a recuperación desta festa vai máis alá do ámbito lúdico, ao permitir reconstruír un espazo de encontro interxeracional e participación veciñal, ao tempo que se pon en valor un elemento significativo da memoria colectiva do barrio e de Monforte de Lemos.

A veciñanza dos Chaos fai un chamamento á participación de toda a cidadanía para compartir estas xornadas e contribuír a consolidar de novo esta tradición.

0.11885118484497