O alumnado do Xeoparque aprende a improvisar en galego a través do brindo

O alumnado de 5º e 6º de Primaria dos CEIP de Quiroga e Ribas de Sil participou nun obradoiro de improvisación oral en verso celebrado na Casa da Cultura de Quiroga. A actividade forma parte do proxecto de normalización lingüística impulsado conxuntamente polos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, co financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
A sesión, titulada ‘O poder do Brindo’, reuniu arredor de medio cento de rapaces e rapazas. A presentación correu a cargo do alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro, e do concelleiro de Normalización Lingüística de Quiroga, Xosé Manuel Fernández. Tamén asistiu a concelleira de Educación, Mayte Pérez.
O obradoiro foi impartido polos regueifeiros Nuria Penas e Manoele Pardo, especialistas na improvisación oral galega e no brindo e integrantes do proxecto Enregueifate.
Ao longo da actividade, o alumnado traballou a expresión oral, o vocabulario, a musicalidade, a creación poética e a escoita, ademais de participar empregando o galego. A primeira parte da sesión estivo dedicada a explicar a orixe do brindo, unha tradición vinculada ás vodas na que persoas non convidadas cantaban, rimaban e improvisaban en galego coa intención de conseguir entrar no convite.
Despois desta introdución, os propios escolares participaron na creación dos seus brindos e puxeron en práctica a improvisación oral, nunha parte da actividade que estivo acompañada de retranca e numerosas risas entre as persoas participantes.
A proposta parte da regueifa como vía para fomentar o uso oral do galego mediante o brindo ou loia, unha modalidade de improvisación cantada propia de zonas como o Courel, O Cebreiro e Os Ancares e relacionada coa paisaxe, a memoria oral e a identidade comunitaria.